publicidade hoxe

Medio Ambiente destaca as actuacións a prol do patrimonio natural ás que só en 2017 se destinan 10 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá o traballo e as actuacións postas en marcha polo Goberno galego a prol da conservación do patrimonio natural. Así o puxo de manifesto durante a inauguración dunha xornada sobre a defensa do patrimonio natural, organizada pola Unión internacional para a conservación da natureza (UICN), onde engadiu que este esforzo se traduce nun investimento de case 10 millóns de euros destinados ao longo do presente exercicio.

A conselleira de Medio Ambiente detallou que este orzamento permitiu a realización de estudos de estado de conservación de especies e hábitats e a elaboración das súas medidas de conservación e recuperación, a declaración de espazos naturais protexidos, e o control e fiscalización de actividades a realizar dentro da Rede galega de espazos protexidos, así como a realización de traballos para a eliminación de especies exóticas invasoras. Indicou que todas as funcións do departamento que dirixe van na liña de garantir a conservación e protección do patrimonio natural, así como a restauración e posta en valor.

Agradeceu a invitación a participar nesta xornada, por estar formada por un foro internacional que será un campo de ideas para o futuro e un marco idóneo no que reflexionar e debater sobre os retos para os vindeiros anos na conservación. A participación desta mañá tamén supuxo unha ocasión única para situar a Galicia no mapa internacional da conservación do patrimonio natural e a oportunidade de dar a coñecer o traballo que entidades públicas e privadas están a levar cabo nesta materia.

Beatriz Mato estivo previamente cos voluntarios da organización Mar de Fábula recollendo lixo da praia de Santa Cruz, areal no que destacou a importancia de evitar contaminar o mar con toalliñas, algodóns e outros residuos que o único que fan é ensuciar unha das nosas riquezas naturais. Explicou a importancia de ser conscientes de que “todos os residuos o que arroxamos ao mar xera un problema de contaminación e que as nosas aguas deben ser un dos bens máis prezados que temos”.

6 de outubro de 2017 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.