publicidade hoxe

Licitada por 350.000 euros a obra de melloras da rede de distribución nas parroquias de cortes e San Xoán de Loio en Paradela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaParadela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de captación e rede de distribución nas parroquias de Cortes e San Xoan de Loio, no Concello de Paradela, por un importe de 350.000 euros.

Na actualidade as parroquias de Cortes e San Xoán de Loio carecen de servizo de abastecemento e só algunhas vivendas de San Xoán de Loio, dispoñen de subministro de auga potable provinte do servizo municipal do concello limítrofe, Portomarín, pero este tramo de rede ten numerosas avarías, e maniféstanse carencias no subministro.

Os traballos consistirán na execución dunha rede de tipo ramificado, que distribuirá a auga potable aos núcleos da Tellada, Parrocha, As Cortes, Vilachá, Pacios e Loio. A rede estará composta por un colector principal cunha lonxitude de máis de 5.000 metros e o resto da rede terá unha lonxitude de máis de 1.500 metros.

Tamén se proxecta unha nova captación que se situará no río Loio e unha nova ETAP, nun edificio ao lado do depósito existente onde se instalará un decantador lamelar, dous filtros de area, e un sistema de cloración. Grazas a esta actuación hidráulica darase servizo aos veciños destas parroquias.

3 de outubro de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.