publicidade hoxe

Francisco Conde sinala en Ourense que as empresas que participan en Agrobiotech axudan a contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante a súa participación no II Encontro Agrobiotech Innovación que se celebra ata mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que as empresas que participan na aceleradora Agrobiotech axudan a contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva.

Conde destacou a importancia de Agrobiotech por ser un programa específico para empresas xa constituídas que desenvolven a súa actividade en tres sectores que Galicia está a impulsar co obxectivo de abrir novos camiños e oportunidades á vez que se apoian os recursos naturais para ofrecer un produto de calidade e innovador que diferencie a Marca Galicia. Trátase dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa.

O conselleiro explicou que Agrobiotech apoia pemes destes ámbitos co obxectivo de que medren, se internacionalicen, innoven, creen emprego e riqueza e, así, Galicia poida contar cun tecido empresarial máis forte e competitivo.

Durante estes dous días máis de 200 empresas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa se darán cita no congreso multisectorial Agrobiotech Innovación para captar novos clientes, establecer contactos e identificar e coñecer socios comerciais, industriais e financeiros. Conde destacou que se trata dunha boa ocasión para xerar oportunidades de negocio grazas ao espazo networking que o encontro ofrece. Ademais, haberá ponencias para que os asistentes poidan coñecer tendencias de interese -entre outros temas abordarase a Industria 4.0 ou a Compra Pública Innovadora-; ademais, o evento conta cun espazo expositivo para que empresas e profesionais poidan mostrar os seus produtos.

En concreto, os asistentes terán a ocasión de coñecer e experimentar os produtos e servizos innovadores de 27 empresas. Participan algunhas das compañías que forman parte do proceso de aceleración de Agrobiotech con produtos como o chourizo de calabaza, a cervexa de sabugueiro, os untables e cremas de vexetais e froitas, pellets optimizados e ferramentas innovadoras de diagnóstico clínico, ademais doutras empresas galegas que comercializan cosméticos ecolóxicos fabricados con algas, licores elaborados con estrugas ou biofertilizantes. Durante estes días, ademais haberá 134 reunión bilaterias e roldas rápidas de presentación das empresas de Agrobiotech e de varios proxectos galegos dos tres sectores de referencia financiados polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).

Agrobiotech

Este encontro forma parte das accións transversais que o programa Agrobiotech organiza como complemento ao programa de aceleración ao que acceden as empresas seleccionadas nesta iniciativa que nas súas dúas edicións xa apoia un total de 21 proxectos nos que a Xunta inviste 1,2 millóns de euros. O conselleiro destacou que a primeira edición permitiu crear 70 empregos e achegar 60 novos produtos ao mercado europeo.

Agrobiotech forma parte da rede de aceleradoras da Xunta que xa leva impulsado máis de 500 proxectos cunha mobilización de 17 millóns de euros. Ademais, os sectores que apoia son especialmente relevantes dentro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que xa está a mobilizar máis de 900 millóns de euros en proxectos de innovación. Un destes sectores, o biotecnolóxico, conta cunha estratexia propia na que xa se levan mobilizado máis do 25% do previsto de cara a 2020.

Conde rematou agradecendo á Axencia Galega de Innovación (GAIN), ao Parque Tecnolóxico de Galicia e a Cetal, Bioga, Clusaga e CIS Madera o seu traballo para que este encontro fose posible e asegurou que Galicia ten toda a capacidade para seguir medrando nestes sectores.

26 de outubro de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.