Finalizadas as obras de posta en valor do río Arnego na parroquia de Carmoega, en Agolada
A Xunta de Galicia rematou as obras para a posta en valor da ribeira do río Arnego, na parroquia de Carmoega, no Concello de Agolada. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, supervisou os traballos que executa o departamento que dirixe por un importe de 25.000 euros.
Tratase dunha actuación que permitiu recuperar unha área recreativa que conta con diversos elementos, como mesas e bancos de pedra, asadores e diversos valados de madeira que a delimitan e serven de protección nas zonas de lecer.
A situación que presentaban os valados de madeira na área recreativa requirían a súa renovación, e nas zonas de sombra atopábanse dous asadores que estaban moi deteriorados, ademais, son abertos polo que se require que a zona de asado estea cuberta para unha axeitada adaptación das instalacións á normativa contra incendios forestais; polo que se propuxo a súa retirada e a construción dun novo asador de pedra.
A directora indicou que estas actuacións poñen en valor este espazo para o goce dos veciños, ao tempo que este punto constitúen un atractivo turístico, xa que pon a disposición dos veciños e dos visitantes infraestruturas que compatibilizan acceso ao medio ambiente e o seu coidado da contorna.