publicidade hoxe

Chega a Salceda de Caselas “Mulleres en Acción. Violencia Zero” coa performance de Begoña Cuquejo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSalceda de Caselas
A-
A+

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, asistirá este xoves 19 de outubro ás 12:o0 horas, no Auditorio Municipal do concello de Salceda de Caselas, a unha nova intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Nesta ocasión, a protagonista será Begoña Cuquejo, unha artista interesada na análise sistémica da realidade que colabora e dirixe diversos proxectos culturais, performativos e tecnolóxicos. En Salceda de Caselas, Begoña participará no programa “Violencia Zero” coa súa performance “Madonna, faite vella con nós, por favor!”, unha obra na que tratará a violencia estrutural exercida sobre as mulleres e que o fai a través da figura popular de Madonna e a súa imaxe, e das imposicións sociais que afectan ás mulleres. Reivindica a inmensa variedade de mulleres diferentes, de corpos e de movementos, que están encadrados nunha idea de xénero determinada.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición comezou en novembro de 2016 e se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

18 de outubro de 2017 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.