publicidade hoxe

Brens rexistra a maior suba no tráfico de mercadorías dos peiraos autonómicos nos tres primeiros trimestres do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeLocal Portada
A-
A+

O porto comercial de Brens no municipio coruñés de Cee, vén de rexistrar, ao peche do terceiro trimestre do ano, a maior suba interanual no tráfico de mercadorías do conxunto dos peiraos autonómicos. Esta infraestrutura rexistrou un volume de carga e descarga de máis de 284.000 toneladas ata o 30 de setembro, o que supón un incremento de máis do 8% respecto ao mesmo periodo do pasado ano.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, deu conta destes datos esta mañá nunha visita ás instalacións do peirao de Brens. Durante a visita lembrou tamén que este porto se situou tralos tres primeiros meses como o terceiro de Galicia en tráfico de mercadorías despois dos de Cariño, que moveu 403.000 toneladas, e Ribadeo, con 347.000.

En canto ao tipo de mercadorías que se moveron en Brens durante o que vai de ano, o tráfico principal foi o de coques e semicoques de hulla, con 95.000 toneladas, seguido do mineral de manganeso, 82.000 toneladas; e as ferroaleacións.

Durán Hermida deu conta tamén en Brens das cifras totais de actividade comercial rexistradas nos portos autonómicos durante os tres primeiros trimestres do ano. Así, explicou que o volume de carga e descarga situouse en 1,2 millóns de toneladas, o que supón un incremento do 1% respecto ao mesmo período do pasado ano.

Ampliación da vía de acceso
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia aproveitou a súa visita a Brens para anunciar que o seu departamento está a tramitar a obra de ampliación da vía de acceso ao porto. Esta actuación consistirá no derrube dun muro que non ten funcións operativas actualmente para ensanchar o acceso permitindo a circulación de transportes especiais. Esta actuación contará cun investimento de máis de 31.000 euros.

26 de outubro de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.