publicidade hoxe

A Xunta impulsa un plan para traballadores do téxtil afectados por ERES en Ordes para a súa inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, mantivo hoxe no Concello de Ordes unha xuntanza con representantes municipais e persoas traballadoras do téxtil que estiveron afectadas por expedientes de regulamento de emprego (ERE) para darlles a coñecer o apoio que a Xunta vén de solicitar ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para activar un plan específico para a súa inserción laboral.

Toca explicou as principais características do proxecto que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsou na Unión Europea, unha iniciativa pioneira, xa que por primeira vez se circunscribe a un territorio concreto.

O plan, deseñado á medida dos traballadores, principalmente mulleres, inclúe catro fases para acompañar individualmente a cada un dos participantes no seu proceso de inserción laboral: acollida e diagnóstico inicial; obradoiros, orientación e formación; prospección no mercado laboral; e seguimento personalizado.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta iniciativa poñer en marcha obradoiros para a activación laboral e reforzo de competencias; un programa de orientación laboral por conta allea e outro específico para o autoemprego; formación en competencias básicas e transversal; de recualificación profesional fóra do sector; de especialización no téxtil; e formación específica para emprender. O proxecto, así mesmo, contará con incentivos para o fomento do autoemprego, a conciliación e becas de desprazamento, entre outros apoios.

Toca salientou tamén na xuntanza outros mecanismos cos que conta a Xunta para mellorar a ocupabilidade das persoas sen emprego, ao tempo que sinalou o compromiso do Goberno galego co sector téxtil e coa creación de emprego e a actividade económica na comarca de Ordes.

9 de outubro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.