publicidade hoxe

A Xunta destaca na Laracha a importancia dos obradoiros ao ofrecer formación de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe na Laracha á inauguración do obradoiro Colaborando polo emprego IV, no que participarán 20 alumnos dos concellos da Laracha e Arteixo.

Marnotes destacou a importancia destes programas porque ofrecen formación de calidade e acceso a un posto de traballo, salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Tamén suliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, neste sentido indicou que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños.

Neste caso, a Xunta, coa colaboración dos concellos, desenvolven estes obradoiros que se centrarán en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de monte e traballos de carpintería e moble. Os alumnos recibirán formación específica nestas áreas e, ademais poñerán en práctica os seus coñecementos a través de tres actuacións: o acondicionamento do edificio administrativo Torás e a restauración da pasarela do paseo fluvial Cabovilaño, na Laracha e a rehabilitación do camiño da Fragua-Monticaño en Arteixo. Os obradoiros contan cun orzamento de preto de 280.000 euros.

Marnotes indicou que a Xunta aposta polos obradoiros e, así, explicou que 1.600 galegos e galegas poderán participar nestas iniciativas ás que a Xunta destina 20 millóns de euros. Tamén se referiu aos programas integrados de emprego aos que este ano se dedican 9,5 millóns de euros para beneficiar a 4.000 perosas sen emprego a través de 46 proxectos que mellorarán a inserción laboral dos participantes. Como novidade, 2 millóns de euros estarán adicados a Emprega en Feminino, co obxectivo de impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Estas medidas forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego no eido laboral que ten como obxectivos principais impulsar o emprego estable e de calidade, reducir a taxa de paro ata o 10% en 2020, crear entre 80.000 e 100.000 novos empregos e converter 50.000 contratos en indefinidos.

2 de outubro de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.