A Xunta amplía o programa Reconduce reforzando o seu compromiso coas persoas en risco de desafiuzamento
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe as melloras do programa Reconduce aprobadas polo Consello da Xunta en setembro, as cales supoñen un aumento da calidade da atención e das prestacións dirixidas ás persoas e familias en risco de desafiuzamento. Entre outras novidades, consolídase a oficina central de Santiago coa incorporación de catro novos profesionais, e ábrense seis novas delegacións territoriais do programa en Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.
Rey Varela, acompañado do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá as dependencias da oficina do Reconduce en Ferrol, situada no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia neste municipio. O reforzamento deste servizo coa entrada en funcionamento de novos puntos de xestión garante a dispoñibilidade dun dispositivo de atención ás familias en risco de desafiuzamento en cada unha das sete grandes cidades de Galicia.
A apertura das novas sedes territoriais do programa e a consolidación da oficina central de Santiago supuxo no seu conxunto a contratación de 16 novos profesionais: catro en Santiago e dous para cada unha das oficinas da Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e Ferrol. Para levar a cabo esta ampliación de persoal a Xunta destina preto de 600.000 euros anuais. O titular de Política Social enmarcou este reforzo no cumprimento dos compromisos recollidos na Axenda Social acordada pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia).
Ademais, outra das melloras introducidas no programa Reconduce ás que se referiu o conselleiro é que a partir de agora tamén serán obxecto de intervención as persoas e familias en risco de desafiuzamento por falta de pagamento da renda do aluguer habitual. Ata o momento o programa atendía unicamente aqueles casos de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria.
Tras catro anos de desenvolvemento do Reconduce, este servizo atendeu a preto de 500 familias e superou os 200 expedientes de intermediación bancaria tramitados, dos cales a maioría concluíron cun acordo de reestruturación de débedas favorable para as persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Por último, Rey Varela reiterou o compromiso do Goberno galego co dereito de toda persoa a dispor dunha vivenda. Así, paralelamente ao Reconduce, a Xunta ten en macha distintas iniciativas como o programa Realoxo, o bono de alugueiro social, o programa Aluga ou o programa de vivendas baleiras, entre outros. Asemade, a Administración autonómica ten asinados convenios de colaboración con entidades financeiras para que estas non desaloxen vivendas sometidas a execución hipotecaria permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer social, así como para a cesión de vivendas baleiras da súa propiedade para aluguer social.