A Pobra do Caramiñal recorda a Ramón María del Valle-Inclán no mes do nacemento do escritor
A Pobra do Caramiñal lembra o seu escritor máis ilustre, Ramón María del Valle-Inclán, no mes no que se celebra o aniversario do seu nacemento. A XIX edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, aglutinan unha variada programación cultural para conmemorar o 151º aniversario do escritor, que combina actividades para todos os públicos e idades, como exposicións, presentacións de publicacións, teatro, recitais ou concertos.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembrou esta mañá durante a presentación os actos de conmemoración do 150 aniversario do escritor, que se prolongaron ata ben entrado este ano “para compartir unha perspectiva súa máis completa” e coñecer o seu universo literario, que “reflicte con tanta claridade as terras de Arousa, as súas paisaxes e a forma de ser das súas xentes”.
No acto de presentación das xornadas estiveron tamén presentes o alcalde da Pobra de Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e mais a concelleira de Cultura e Educación do concello, Genoveva Hermo.
Outubro para Valle-Inclán
As actividades das xornadas deron comezo xa o pasado sábado, coa presentación da edición dun manuscrito inédito de Carlos Luís del Valle-Inclán y Malvido, avó paterno do escritor. Ata o último sábado do mes, cando Quico Cadaval poñerá en escena O rei e o bufón nas Comedias Bárbaras, obras de teatro, monicreces, concertos e homenaxes sucederanse na Pobra do Caramiñal para “manter viva a memoria do autor e espertar a curiosidade polas súas obras”, como afirmou o secretario xeral de Cultura.
A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando cos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa na difusión e na posta en valor da obra de Valle-Inclán a través de diversas iniciativas, co fin de achegarlle á cidadanía o seu legado literario.