publicidade hoxe

A Lei de implantación empresarial achega á minaría seguridade e as máximas garantías ambientais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe en Ourense na inauguración da xornada técnica Perspectivas de futuro para o sector mineiro, un foro promovido polos clústers da lousa e do granito, a Cámara Oficial de Minaría de Galicia e a Asociación Galega de Áridos, onde explicou as vantaxes que aportará a esta actividade económica a nova Lei de implantación empresarial que sae hoxe mesmo publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Tahoces sinalou que a normativa aportará ao propietario seguridade e transparencia, destacando que en ningún caso fomenta as expropiacións forzosas, ao tempo que blinda o contorno con “garantías ambientais claras”, paralizándose a tramitación ante calquera informe negativo.

O director xeral expuxo que a iniciativa axudará a consolidar a actividade mineira impulsando ao sector, tanto en xeración de actividade económica como de postos de traballo, lembrando que o propio colectivo estima que se crearán coa nova lexislación 800 novos empregos, medrando o sector un 23%.

Tahoces, así mesmo, afirmou que a Lei establece un procedemento administrativo integrado pioneiro e moi avanzado que agrupará todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento da actividade.

En definitiva, afirmou que o texto legal favorecerá a sustentabilidade ambiental da actividade e, en paralelo, fomentará o cumprimento dos principios de publicidade e concorrencia, xa que permite, unha vez que caduquen os dereitos mineiros, que se abra un prazo dun mes para que calquera empresa poida presentar a súa solicitude de cara a desenvolver actividade mineira neles.

Tahoces, para rematar, afirmou que a Lei de implantación empresarial converterá a Galicia “nunha terra atractiva onde investir para que a industria gañe músculo e para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos”. Explicou que a nova normativa ofrecerá, en xeral, máis simplificación administrativa, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e máis beneficios fiscais. Con respecto a este último aspecto, indicou que o papel dos concellos vai ser clave para ampliar o alcance das medidas que se recollen na lei.

A importancia do sector

Tahoces explicou a importancia que ten o sector extractivo en Galicia, que emprega a 5.000 traballadores e aporta o 1,05% do PIB. A minaría abastece a Galicia anualmente de 10 millóns de toneladas de materias de construción e de 1,5 toneladas de materias primas á industria e ao sector agropecuario. Galicia representa o 8% da produción mineira española, liderando o sector balneario co 17% da oferta total española e a produción e exportación de granito, lousa, cuarzo metalúrxico e caolín.

25 de outubro de 2017 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.