A Deputación da Coruña informa aos concellos sobre os fondos europeos para afrontar o reto demográfico e impulsar a economía circular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a primeira xornada do Foro Europa na Provincia da Coruña, un encontro destinado a formar aos responsables de entidades locais para coñecer os programas de financiamento europeos e preparar propostas con garantías de éxito. Nesta xornada, déronse cita máis de 60 rexedores e persoal municipal dos concellos de A Pobra do Caramiñal. Ames, Culleredo, Dodro, Muxía, Cambre, As Pontes, Ferrol, Aranga, Abegondo, Oleiros, Camariñas, Coristanco, Oza-Cesuras, Betanzos, A Coruña, Porto do Son, Paderne, Miño, Sada, Arteixo, Vimianzo, Narón, Vedra, Mazaricos, Brión, Teo, Curtis, Muros, Tordoia, Cerdido, Cabanas, Vilasantar e Bergondo, así como de outras entidades coma a Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC) ou a Universidade da Coruña.

Trátase da terceira edición desta iniciativa impulsada por Europe Direct, o centro de información da Comisión Europea dependente da Deputación, e que este ano está especialmente centrado nas axudas europeas para afrontar o reto demográfico e impulsar a economía circular.

O encontro foi inaugurado esta mañá polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen destacou a importancia “de aproveitar as axudas da Comisión Europea para potenciar os recursos e a economía dos concellos”. Neste sentido, o presidente provincial afirmou que, ademais de beneficiar á preservación do medio ambiente, “a economía circular presenta un gran nicho de mercado e de emprego”.

González Formoso insistiu na importancia de apostar pola reciclaxe, xa que “para o ano 2030, temos a obriga de reciclar ou reutilizar un 65% dos nosos residuos” e lembrou exemplos de outros países, como Alemaña, onde xa chegaron a unha porcentaxe do 66%, “mentres que en España tan só reutilizamos un 30% dos residuos”. “Debemos por en valor o que nos ensinaban os nosos avós nas aldeas, que o que vale para usar non se tira”, sentenciou.

O presidente provincial destacou tamén a labor de Europe Direct A Coruña, “unha das oficinas máis antigas, dinámicas e activas de España” e que “axuda a seguir impulsando o proxecto europeo”.
Pola súa banda, Amparo Taboada, directora de Europe Direct A Coruña, insistiu na importancia deste evento para “conxugar o traballo de representantes políticos e traballadores municipais” e favorecer “transmisión de información e experiencias entre institucións”.

A apertura da primeira xornada de Europa na Provincia tamén contou coa participación de Enrico Marescotti, responsable de Política Rexional e Urbana para Galicia da Comisión Europea, que agradeceu a colaboración da Deputación na organización da xornada e o seu compromiso para achegar aos concellos as diferentes liñas de axudas europeas.

As ponencias que se desenvolveron ao longo da mañá estiveron a cargo de María Rincón, membro da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, e Ángeles Pereira, doutora en economía e investigadora no proxecto Horizonte 2020.

Pola tarde, o encontro continuou cunha mesa de boas prácticas na que participaron representantes dos concellos de Vitoria-Gasteiz e de Gijón, da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e da empresa de xestión ambiental Ecocelta Galicia.

Feira de proxectos

Ademais, a xornada contou cunha feira de proxectos levados a cabo con fondos europeos na provincia, que serviu de escaparate para os proxectos galegos, ante asistentes de outras zonas do territorio nacional. Así mesmo, organizouse un xantar de networking, co obxectivo de establecer lazos de cooperación entre os concellos con necesidades similares, para que os proxectos teñan un maior alcance e máis posibilidades de éxito. Ademais de servir como plataforma de intercambio e busca de ideas para proxectos con impacto no benestar social dos concellos.

18 de outubro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.