A comisión de Cooperación abordará o programa de Mocidade e o de Limpeza de redes viarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran hoxe mércores, 18 de outubro, e mañá xoves as súas reunións mensuais. Esta tarde terán lugar as de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural, a de Transparencia e Administración Provincial e a Comisión Especial de Contas, Facenda e Economía, mentres que o xoves desenvolveranse as comisións de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, a de Igualdade, Benestar e Emprego, e a de Cultura, Deportes e Mocidade.

Na Comisión de Cooperación abordarase o Programa Provincial de Cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o próximo exercicio de 2018. O importe total deste programa é de 549.000 euros, e ten como obxectivo o financiamento das actividades que desenvolvan as citadas entidades a prol da mocidade no vindeiro ano.

Nesta comisión trataranse tamén as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos Concellos para a limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais en 2018, actuacións para as que a Deputación prevé destinar un orzamento de 350.000 euros. A institución provincial presenta este programa á valoración da comisión co fin de que os concellos e as mancomunidades podan coñecer con antelación suficiente o seu contido e planificar a súa participación no plan.

Pola súa banda, a Comisión de Transparencia e Administración Provincial dará conta da decisión xudicial pola que se anula a convocatoria e bases reguladoras do concurso ordinario para provisión de diversos postos de traballo da RPT da Deputación de Ourense, resolución xudicial que será recorrida polos servizos xurídicos da Deputación.

18 de outubro de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.