A Cidade da Cultura asina un convenio de colaboración con AJE-Pontevedra para impulsar o emprendemento
A Cidade da Cultura de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) da provincia de Pontevedra para impulsar o emprendemento no Gaiás. En virtude deste acordo, o Centro de Emprendento do Gaiás cederalle de balde dous espazos aos gañadores dos premios que convoca anualmente: Joven Empresario y Joven Emprendedor del Año, á vez que se integrarán no seu programa de formación. Pola súa banda, AJE-Pontevedra realizará ao longo de 2018 actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se localizan no CEM: no Coworking e no Viveiro.
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e Pablo Fernández López, en calidade de presidente de AJE-Pontevedra, foron os encargados de establecer as bases desta nova unión nun acto celebrado esta mañá en Pontevedra. No 2018, a asociación de empresarios amosará a súa colaboración e aposta polo CEM, coa celebración de actividades formativas co obxectivo de mellorar as capacidades das empresas, así como de eventos de networking que faciliten o establecemento do sinerxías e ampliación da rede de contactos dos emprendedores.
Do mesmo xeito, AJE-Pontevedra levará a cabo actuacións de promoción e difusión do Centro de Emprendemento CEM da Cidade da Cultura de Galicia co fin de transmitir os valores e difundir as actividades que en dito espazo se realizan.
Premios Joven Empresario e Joven Emprendedor del Año
Pola súa banda, a Cidade da Cultura colaborará nos premios Joven Empresario e Joven Emprendedor del Año, que cada ano convocan AJE-Pontevedra. Deste modo, cederalle de xeito gratuíto, durante un ano, dous postos no espazo CEM para ser ocupados polos gañadores destas dúas categorías.
O convenio entre a Cidade da Cultura e AJE-Pontevedra enmárcase dentro do fomento do emprendemento en toda a súa extensión co que está intimamente vencellado o Gaiás: programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se sitúan no Centro de Emprendemento (CEM), con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego; actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.
Precisamente, a directora-xerente da Cidade da Cultura recordou que 350 emprendedores pasaron xa polo CEM desde a súa apertura e tirou proveito da sinatura deste convenio para ratificar o compromiso coa liña estratéxica do Plan de Emprendemento do Gaiás.
Neste senso, débese lembrar que a Cidade da Cultura leva a cabo todo tipo de actuacións na procura da interrelación con axentes de distintos ámbitos das industrias culturais e creativas (con especial énfase na cooperación interrexional e a colaboración pública e privada), así como todas aquelas axeitadas para situar o Gaiás como referente internacional de reflexión e de formación no ámbito da innovación na xestión cultural, para contribuír a facer máis profesionais os diferentes axentes e as súas iniciativas.
AJE-Pontevedra
Pola súa banda, AJE-Pontevedra persegue como fins fundamentais o fomento do talento do novo emprendedor na sociedade, e o apoio aos emprendedores para crear e consolidar as súas empresas, proporcionando os medios técnicos, humanos e loxísticos necesarios, potenciando deste xeito unha nova cultura emprendedora e innovadora.
A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra é unha das pioneiras no movemento asociativo que hoxe en día agrupa a máis de 18.000 novos empresarios en toda España, a través de AJE Confederación.











