Xunta e Universidade da Coruña promoven a formación activa das persoas maiores
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Ernesto Abalde Alonso, asinaron hoxe un convenio de cooperación para o financiamento da Universidade Sénior como vía para impulsar as actividades educativas, culturais e formativas que faciliten ás persoas maiores o seu desenvolvemento persoal e social. No acto de sinatura, celebrado en San Caetano, tamén estivo presente a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.
O obxectivo de dito convenio é ofertar á poboación maior que concluíu a súa vida laboral formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais.
A Consellería de Política Social achegará para a realización desta formación durante o exercicio 2017 unha cantidade de 27.500 euros.
Pola súa banda, a Universidade da Coruña, impartirá materias de Humanidades e Ciencias Sociais, Ciencia e Tecnoloxía e Ciencias da Saúde a persoas maiores de 50 anos sen actividade laboral remunerada. Estas dividiranse en catro cursos cunha duración de oito meses.
A Xunta de Galicia valora de xeito positivo esta colaboración, destacando a importancia de que as persoas maiores galegas teñan a oportunidade de formarse e seguir aprendendo de maneira activa e participativa.
O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2017, non obstante, financiaranse os gastos realizados desde o 1 de xaneiro do presente exercicio.