publicidade hoxe

Xunta e Concello de Vilardevós asinan un convenio de colaboración para incrementar a seguridade peonil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilardevós
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Vilardevós. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Vilardevós. Foto: X. Crespo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardosos, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá incrementar a seguridade peonil mediante a adecuación e o acondicionamento das beirarrúas da rúa Eixido e do núcleo de Berrandes.

Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 115.000 euros e executarase no marco do Plan Hurbe, que ten entre as súas finalidades mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais, polo que esta actuación é acorde a este obxectivo.

Concretamente, as obras, que comezarán este ano e estarán rematados antes do verán de 2018, permitirán homoxeneizar a vía e equilibrar os anchos que presentan os peches e accesos, especialmente, no núcleo de Berrandes. Cómpre indicar que neste lugar -a súa entrada pola vía que une co de Trave- atópase unha beirarrúa delimitada por un bordo de formigón contra o pavimento de asfalto da calzada. A beirarrúa ten un ancho de 1,32 metros, pero con anchos pavimentados variables ao da súa traza, provocados polas distintas condicións e dimensións lindeiras cos peches. Polo tanto, acométese o acondicionamento deste espazo para ordenalo e dignificalo, diferenciando as zonas de uso peonil das de uso para vehículos.

No que respecta á rúa Eixido, as obras permitirá harmonizar o seu aspecto, ademais de facer a zona máis accesible e segura. Unha actuación que mellorará o seu estado actual, pois trátase dun vial de case 400 m2 cun pavimento de soleira de formigón, que presenta diferencias no seu acabado por ambas marxes.

En definitiva, prevese unha actuación, subvencionable ao 100% por parte da Xunta, coa que se fomenta a conservación e recuperación de espazos públicos, mellórase a seguridade viaria e peonil, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e increméntase a calidade de vida e benestar dos veciños.

Investimento en Galicia

A execución desta obra encádrase nos obxectivos do Goberno galego a través do Plan Hurbe, como é promover a execución de equipamentos urbanos municipais, co fin de dotar aos concellos dunha adecuada oferta de actividades de ocio, recreativas, culturais e de lecer, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Así, esta actuación vén a poñer de manifesto os esforzos da Xunta por mellorar as vilas galegas; xa que no presente exercicio executaranse 15 actuacións en senllos concellos da provincia de Ourense, o que se traduce nun orzamento de case tres millóns de euros.

Desde o ano 2010, o investimento realizado nesta provincia, a través do Plan Hurbe, ascende aos 10 millóns de euros, que permitiron financiar 64 actuacións; que no conxunto de Galicia elévase a 123 millóns de euros, para facer realidade 157 actuacións.

Cómpre recordar que este plan ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade, coa recuperación de espazos públicos.

21 de setembro de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.