Uns 3400 rapaces de entre cero e tres anos comezan o curso na Rede de escolas infantís na provincia da Coruña
As escolas infantís de 0 a 3 anos da rede da Galiña Azul, da Consellería de Política Social, iniciaron hoxe un novo curso escolar cun total de 8.023 nenos e nenas admitidos, dos que 3.393 corresponden á provincia da Coruña. No seu conxunto, Galicia pon a disposición das familias 22.439 prazas sostidas con fondos públicos entre as que pertencen a centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais, as que dependen de centros de iniciativa social, as incluídas na rede de escolas municipais, as concertadas, as que se ofertan a través do Bono Concilia, as das casas niño e as que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a escola infantil de Eirís, no barrio coruñés do Castrillón, onde compartiu con nenos e pais as emocións propias dun primeiro día de actividade. A directora do centro, Ana Suárez, acompañou a Rodeiro durante a visita. O centro da Galiña Azul de Eirís ten un total de 82 prazas, das que tres son de reserva para emerxencia social (unha xa cuberta e dúas libres na actualidade). Neste centro hai 38 rapaces en lista de agarda. No conxunto da provincia hai 458 nenos en lista de agarda, mentres que 469 prazas quedaron vacantes, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas do grupo de idade de 0 a 1.
No que atinxe á lista de agarda, os solicitantes poderán acollerse ao programa do bono concilia e recibir unha axuda, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago da praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración. As 22.439 prazas que conforman a rede de escolas infantís en Galicia con investimento público supoñen unha taxa de cobertura do 38%, cinco puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea. Cabe salientar a apertura dun novo centro da Galiña Azul en Arteixo (Río Tambre), construído pola fundación Amancio Ortega.
Como novidade, nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro nun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.
Ovidio Rodeiro lembrou que a Rede de Escolas Infantís de Galicia “é un proxecto de calidade que potencia a educación en valores como a tolerancia e o respecto, superando o concepto de garda e custodia”, e que dá resposta á necesidade de transmitir valores e habilidades sociais que tradicionalmente se inculcaban no ámbito familiar. “Estamos a falar dun ambicioso proxecto que busca superar as desigualdades territoriais e diminuír as diferenzas entre a Galicia urbana e a rural, con presenza en calquera punto do territorio independentemente do tamaño do concello”, salientou o delegado. “Desta maneira, garántese que se impartirá o mesmo proxecto educativo en todas as escolas infantís”, rematou.