Uns 18.700 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e especial volveron ás aulas na provincia de Ourense
Na xornada de hoxe comezou o curso nos ciclos de educación infantil, primaria e especial para 18.675 alumnos e alumnas de 113 centros educativos da provincia de Ourense. A matriculación en infantil cífrase en 5.631 escolares, en educación primaria son 12.915. No que atinxe a educación especial a provincia ourensá conta con 129 matriculados. Cómpre destacar que ditos datos son provisionais e poden mudar ao longo do curso escolar.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o CEIP do concello de Maceda para compartir co seu alumnado as primeiras horas do inicio do curso e comprobar que a volta ás aulas desenvolveuse con normalidade nos centros educativos da provincia.
Na visita Díaz Mouteira percorreu as instalacións do centro, acompañado polo director e o equipo docente do colexio, e a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández Quintas, e coñeceu as obras realizadas neste centro que consistiron na mellora das fiestras por un importe de 12.000 euros. A delegada territorial subliñou o compromiso da Xunta coas infraestruturas educativas da provincia nas ano tras ano se executan actuacións para melloralas. Así, lembrou que o departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez destina este ano 1.670.000 euros na mellora de 42 centros escolares ourensáns de infantil, primaria e educación especial.
Marisol Díaz recoñeceu o esforzo dos docentes e agradeceu a súa implicación “no labor do día a día e na educación dos nosos rapaces que son o futuro da nosa provincia”.
Ademais da actividade lectiva, hoxe comezaron funcionar os servizos complementarios de comedor escolar e de transporte coa posta en marcha da modalidade de uso compartido, prevista no Plan de transporte público de Galicia e implantada en máis da metade das rutas escolares da provincia, concretamente en 273 das 482 existentes, que manterán intactas as paradas, os percorridos e os horarios do alumnado.
A máxima representante do Executivo galego na provincia subliñou que coa integración do transporte escolar nas liñas de uso xeral os escolares teñen blindada a atención das súas necesidades e, mesmo, mellorado o servizo ao ter acompañante garantido en todas as rutas de transporte compartido. Por outro lado, esta modalidade favorecerá a mobilidade dos veciños do rural.











