publicidade hoxe

Rosa Quintana destaca a importancia da prevención e da preparación fronte aos riscos do tráfico marítimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Rosa Quintana en Vilagarcía

Rosa Quintana en Vilagarcía

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vilagarcía a importancia da prevención e da preparación fronte aos riscos derivados do tráfico marítimo e das actividades industriais costeiras. Unhas accións, sinalou, que son clave para minimizar as continxencias por contaminación mariña accidental.

Así o sinalou hoxe no marco da xornada formativa para o emprego dos traxes de protección nuclear, biolóxica e química (NBQ) para eventuais episodios de contaminación mariña. Uns equipamentos que a Consellería do Mar vén de engadir aos medios anticontaminación cos que conta o Plan Territorial por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) e que formarán parte do equipamento específico de loita contra a contaminación mariña dos buques Sebastián de Ocampo e Irmáns García Nodal.

Deste xeito, a Consellería conta seis traxes de protección NBQ, modelo Dräger CP7900, e dúas duchas de descontaminación inchables portátiles. Estes equipos son necesarios para encarar episodios de contaminación provocados por substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNP), nos que o persoal que participa na resposta á continxencia debe actuar debidamente protexido.

Pensados para uso de Gardacostas, os traxes incorporados pola Consellería do Mar están realizados especificamente para o seu emprego en condicións extremas. Son estancos a gases e proporcionan unha alta protección fronte a substancias químicas industriais, axentes biolóxicos e outras substancias tóxicas. O material co que están confeccionados fainos aptos para traballar coa máxima eficacia, tanto á hora do manexo de substancias crioxénicas (de moi baixas temperaturas), como en áreas explosivas.

O asesoramento técnico para a adquisición deste material correu a cargo do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) que, no marco do proxecto europeo Mariner, está a traballar na identificación dos protocolos de resposta ante emerxencias por SNP e a súa adaptación en relación aos medios de que dispón o Plan Camgal.

20 de setembro de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.