publicidade hoxe

Rey Varela destaca os beneficios do termalismo para o benestar e a mellora da calidade de vida das persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá no acto de inauguración do II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida que nas xornadas de hoxe e mañá ten lugar nas instalacións de Expoourense. O campus da Auga da Universidade de Vigo, a Deputación provincial e o Concello ourensá organizan este evento científico que congrega a profesores e investigadores tanto nacionais como internacionais interesados na temática da auga e en especial do termalismo, e que permite establecer sinerxías entre o mundo académico, o científico e o sector da empresa.

Na súa intervención, Rey Varela destacou a importancia da celebración deste encontro nunha das cidades de maior tradición termal e de balnearios de Europa, e onde o termalismo constitúe unha oportunidade de desenvolvemento económico no ámbito do chamado turismo de saúde. Asemade, o conselleiro fixo fincapé no aproveitamento que se fai desde as políticas sociais dos beneficios que teñen as augas termais, con accións dirixidas principalmente ás persoas maiores co gallo de favorecer un estilo de vida activo e saudable.

Así, Rey Varela referiuse ao programa Benestar en Balnearios, no que participan en cada edición 600 persoas de máis de 60 anos que gozan de estadías en balnearios da Comunidade e se benefician dos tratamentos respiratorios, reumatolóxicos, circulatorios ou relaxantes que se levan a cabo nos mesmos. “Unha iniciativa que redunda de maneira positiva na saúde dos maiores e que tamén propicia a convivencia, a vida activa e a participación”, apuntou.

Ademais, o conselleiro mencionou o programa Lecer Activo, outra ferramenta posta a disposición das persoas maiores que viven en residencias da Xunta para que leven un estilo de vida activo e saudable. De feito, ao abeiro deste programa se desenvolven actividades que teñen como finalidade propiciar o benestar físico, mental e social a través do lecer; así como traballar a memoria, a coordinación, a mobilidade e a relaxación.

Rey Varela reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir mellorando a calidade de vida das persoas maiores, e indicou que “o termalismo contribúe sen dúbida a que teñan un mellor benestar”. E, por último, incidiu na importancia deste simposio no sentido de que “o estudo e aproveitamento da auga poden incidir claramente na calidade de vida da sociedade actual, en especial dos nosos maiores, que son un colectivo ao que se dirixe unha parte importe das políticas sociais da Xunta”.

Por outra banda, na xornada da tarde participará como relatora a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, que abordará na súa intervención as vantaxes do termalismo como un recurso natural para o envellecemento activo.

20 de setembro de 2017 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.