publicidade hoxe

Os investimentos da Deputación da Coruña contribuirán a revitalizar o casco histórico de Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Cee, onde supervisou algunhas das infraestruturas da localidade que serán melloradas con fondos provinciais.

González Formoso, acompañado do deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, foi recibido á súa chegada ao concello polo alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade, e polos voceiros do PSdeG-PSOE e Ciudadanos na localidade, Margot Lamela e Plácido García, ante os que explicou polo miúdo os investimentos que a Deputación ten programados no municipio durante o presente ano.
Formoso destacou o “investimento histórico” do Plan Único, que unifica por primeira vez todas as achegas provinciais “nun único programa anual de 74 millóns de euros baseado en criterios obxectivos”, e que suporá para Cee unha inxección económica de 645.585,69 euros.

O presidente desgranou algunhas das principais vantaxes do novo Plan Único que, ademáis de contar co maior investimento da historia, ofrece aos concellos “un financiamento local estable, independentemente da cor política do goberno municipal, e total autonomía á hora de decidir onde se invisten os fondos que achega a Deputación”.

O novo programa provincial permite ademáis destinar parte dos fondos á redución da débeda municipal, a financiar gasto corrente ou o pago a provedores, contribuíndo así a sanear as economías municipais. No caso de Cee, o municipio amortizará 43.647,38 euros da súa débeda municipal e destinará 85.677,89 euros a financiar parte do seu gasto corrente, que inclúe os servizos de limpeza viaria, recollida de lixo, alumeado público, cemiterio, biblioteca ou mantemento de parques públicos. “Servizos básicos municipais que a Deputación contribúe a financiar a través do Plan Único”, apuntou Valentín González.

Revitalizar o casco vello

Entre as obras financiadas no Plan Único, destaca unha partida de 122.630,40 euros para as obras de rehabilitación exterior e interior do edificio municipal que antigamente albergaba a escola de música, ubicado na praza da Constitución de Cee, e que consistirán na reparación da cuberta, mosaicos, azulexos e ornamentos do inmoble, a substitución completa da carpintería exterior do edificio, a dotación de falsos teitos no segundo andar e a demolición dunha cornisa e outras estruturas que se atopan nun importante estado de deterioro.

Segundo explicou o alcalde, o goberno municipal planea ubicar no inmoble, que no seu día acolleu tamén a Casa Consistorial, unha oficina de emprego tras a profunda reforma que se levará a cabo no edificio.

O presidente da Deputación e o alcalde de Cee percorreron tamén parte das rúas do casco vello ceense, onde a Deputación investirá 123.802,60 para mellorar o alumeado público das rúas Alvarellos Berrocal e Rosalía de Castro, rúa de Arriba e da propia praza da Constitución. O proxecto inclúe a renovación do cableado eléctrico e a instalación de 10 novas luminarias de columna e 58 de parede, así como proxectores LED no pavemento, que melloren a iluminación e reduzan o gasto eléctrico.

As novas farolas terán unha estética contemporánea, pero adaptada ao entorno antigo no que se ubicarán e permitirán un importante aforro enerxético de ata o 70% con respecto ás actuais luminarias.

Valentín González Formoso subliñou que estes dous investimentos “contribuirán a revitalizar o casco histórico de Cee”, pero apuntou que o apoio da Deputación “chega a todos os puntos do municipio”. Neste sentido, lembrou que dentro do Plan Único inclúese tamén financiamento para as obras de acondicionamento da praza de Xallas, melloras no edificio da escola infantil de Brens e limpeza e pavimentación de pistas en Lires e Canosa.

Aposta polo emprego

O presidente provincial destacou tamén a “aposta polo emprego” como “o eixe transversal de todas as políticas que estamos levando a cabo na Deputación” e que teñen o seu principal exponente no Plan de Emprego Local (PEL), que permitiu que o concello de Cee multiplicara por 5 a achega provincial destinada a financiar a contratación de persoal destinado a prestación de servizos municipais, pasando de 10.796 euros en 2015 aos 49.000 € actuais.

Ademáis, 9 empresas ceenses contrataron este ano a un novo traballador/a grazas ao programa PEL-Pemes, a través do cal a Deputación subvenciona o 75% dos custes salariais do novo empregado durante un ano. Os beneficiarios foron fundamentalmente pequenas empresas de moi diversos sectores, que van dende os servizos turísticos ata a alimentación, pasando pola hostelería ou a reparación de automóbiles. Destas 9 contratacións levadas a cabo a través do PEL en empresas de Cee e que supuxeron un investimento cercano aos 110.000 euros, 3 teñen xa carácter indefinido.
Segundo explicou González Formoso, a liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local serviu tamén para axudar a activar ou pór en marcha, con axudas de ata 20.000 euros, tres iniciativas empresariais impulsadas por mozos e mozas de Cee menores de 35 anos.

Piscina e campo de fútbol

Valentín González Formoso e Ramón Vigo visitaron tamén a piscina municipal, que leva máis dun ano pechada ao público, e o campo de fútbol da localidade, onde se están a realizar obras de mellora, que se atopan xa nun avanzado estado de execución e que foron financiadas a través do Plan de Acción Social (PAS) da Deputación cun investimento de 60.990,78 €.

Os traballos consistiron na retirada da cuberta da grada existente, que debido ao seu deterioro supuña un perigo para os afeccionados; a impermeabilización das xuntas da grada actual, a construción dun novo graderío de tres filas, prefabricado en formigón e con cuberta de chapa e a instalación de novos portalóns de acceso ao campo.

Con respecto á piscina, González Formoso ofreceu ao concello o apoio técnico e económico da Deputación para que as instalacións podan volver a dar servizo aos veciños e destacou que se trata dunha infraestrutura da que non só se benefician os ceenses, senón todos os concellos da comarca e que, ademáis do seu uso lúdico ten tamén un importante compoñente terapeútico para diversos colectivos.

7 de setembro de 2017 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.