publicidade hoxe

Os 15 alumnos do obradoiro de emprego de Boiro aprenderán a cociñar á vez que axudan a familias en dificultades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na apertura do obradoiro de emprego de hostalería de Boiro, no que 15 rapaces menores de 30 anos aprenderán operacións básicas de cociña ao tempo que axudan a familias do Concello con dificultades económicas. Esta é unha das catro actuacións que levarán a cabo os alumnos, que tamén traballarán no ámbito da educación nutricional desde a nenez, participarán activamente nos eventos gastronómicos promovidos polo Concello e, finalmente, serán protagonistas de dúas xornadas de showcooking para dar a coñecer todo o que aprenderon ao longo do obradoiro.

A través do servizo denominado menús sociais o Concello de Boiro pretende desenrolar a elaboración diaria de menús que se dedicarán a unha obra social para persoas con dificultades económicas ou en condicións de precariedade. Serán receptores dos traballos realizados polo alumnado as familias en situación de necesidade rexistradas na base de datos, iniciativa que se poñería en marcha en colaboración co departamento de servizos sociais municipal. O alumnado traballador do obradoiro de emprego preparará e entregará os menús ao equipo de Protección Civil para levar ás casas das familias. As prácticas formativas, que complementan esta formación específica, redundan na prestación deste servizo ao Concello.

O obradoiro de emprego de hostalería de Boiro conta cun orzamento de algo máis de 152.000 euros dos que 140.000 corren a cargo da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A comarca do Barbanza recibe, a través do programa de obradoiros de emprego, máis de 840.000 euros. Así o deu a coñecer o delegado territorial, que fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral”. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros os beneficiarios accederán a un contrato laboral”

No Barbanza desenvolveranse dous obradoiros de carácter xeral. Os concellos de Ribeira e Porto do Son impartirán as especialidades de traballos de carpintería e mobles, e actividades auxiliares en conservación e coidado de montes. Mazaricos organiza un en conxunto con Dumbría e Santa Comba nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e promoción turística local e información ao visitante. Estes dous obradoiros están dotados cun investimento de 280.000 euros cada un e acollerán a 40 alumnos-traballadores. A duración dos obradoiros xerais amplíase este ano de seis a nove meses.

A través do Sistema de Garantía Xuvenil, ademais dos de Boiro, outros 15 alumnos traballadores formaranse nas especialidades de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, e atención sociosanitaria a persoas no domicilio, nunha iniciativa organizada polos concellos de Muros e Carnota.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Ovidio Rodeiro felicitou aos promotores do obradoiro por “combinar dúas accións tan importantes como a formación para mellorar o acceso ao mercado laboral dos xoves e a axuda ás persoas que máis o precisan”. O delegado territorial convidou aos alumnos a “aproveitar estes meses dos que ides obter unha oportunidade de atopar un traballo, pero tamén un motivo de orgullo”. “O que ides facer neste obradoiro non o esqueceredes na vosa vida e o pobo de Boiro estaravos eternamente agradecido”, rematou Rodeiro.

20 de setembro de 2017 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.