O programa “En ruta coa Depo” inicia 15 novas andainas pola provincia de Pontevedra
O programa da Deputación de Pontevedra “En ruta coa Depo” continúa a súa andadura esta fin de semana coa participación de máis de 1.500 persoas de 16 concellos da provincia nos itinerarios preparados pola institución provincial. En total, ata o domingo terán lugar 15 novas excursións que permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.
Este venres, 8 de setembro, un grupo de 54 persoas procedentes do Centro Sociocomunitario de Tui realizarán unha ruta que percorrerá a Ría de Arousa, O Grove e o xacemento da Lanzada.
O sábado haberá 6 novas excursións. 54 persoas da Asociacion de Veciños de Petelos de Mos farán unha ruta temática para visitar o pazo de Lourizán, o pazo de Gandarón e o pazo de Oca. Pola súa banda, tamén 54 persoas da Asociación Cultural e Deportiva Xestas, de Vigo, farán unha ruta por Baiona para visitar a Casa da Navegación, o paseo de Monte Boi e o paseo marítimo.
Ese mesmo día, 34 persoas de Afaga Alzheimer e 108 persoas do Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas coñecerán a Illa de San Simón. Amais, 108 persoas da Asociación C. R. D. San Martín de Moreira farán un paseo en barco pola ría de Arousa e percorrerán a Illa da Toxa, O Grove e A Lanzada.
Tamén o sábado, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais a Lagoa, do Grove, e 54 persoas da Asociacion Os Amigos de Camposancos, da Guarda, percorrerán as Illas Cíes e o barrio vigués do Berbés. Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber, de Marín, xunto a outras 54 persoas da Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas de Carracido, do Porriño, terán a oportunidade de coñecer a Illa de Ons e a localidade de Portonovo.
Xa o domingo, 108 persoas da Asociación Cultural San Vicente de Mañufe, de Gondomar, visitarán Cambados e os seus arredores mentres que 54 persoas da Asociación Veciñal e Cultural de Aranza, de Soutomaior, visitarán o conxunto histórico de Salvaterra do Miño.
Ata Cangas do Morrazo, facendo un percorrido polo seu conxunto histórico, chegarán 108 persoas da Asociación Veciños San Roque, de Vigo, e 54 persoas da Asociación de Veciños e Veciñas A Comunidade de Pias, de Ponteareas.
Ese mesmo domingo 10 de setembro, 54 persoas de ASEARPO poderán coñecer o Castro de Santa Trega, en A Guarda. Amais, 108 persoas da Asociación Veciñal “Praza da Miñoca” pasearán en barco pola ría de Arousa e percorrerán a Illa da Toxa, O Grove e A Lanzada.
Pola súa banda, viaxarán ata as Illas Cíes 54 persoas da Asociación Cultural Xeración Nós, 54 da Asociación Cultural e de Veciños Santa Bárbara de Portel, 54 usuarios e usuarias da Asociación Cultural Recreativa Ruliñas, e 54 persoas da Fundación las Samaritanas.
Por último, 108 persoas da Asociación Cultural A Feira, de Salceda de Caselas, e 54 da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade visitarán a Illa de Ons e 54 persoas do Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca de Parada coñecerán a Illa de San Simón.
O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.
A Deputación achega a este programa 260.000 €, 21.500 € máis que o ano pasado, e oferta por vez primeira 400 prazas gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. “En Ruta coa Depo” oferta un total de 32 rutas distribuídas entre seis bloques: temáticas, culturais, marítimas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, dinámicas/activas/xuvenís e, por último, interxeracionais e para ANPAs. O catálogo de rutas pódese consultar no catálogo dispoñible na páxina web www.depo.gal.