O DOG publica o inicio do proceso expropiatorio para a construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-300, entre Vilariño e o polígono do Salnés
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-300, entre Vilariño e o polígono do Salnés, nos concellos de Cambados e Ribadumia
Para obter máis información sobre este anuncio publicado hoxe no DOG pódese consultar o seguinte enlace.
A execución deste itinerario forma parte do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable. Esta actuación, cun investimento que supera os 340.000 euros, será cofinanciada polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A actuación consiste na execución dunha senda de algo máis dun quilómetro para uso de peóns e de ciclistas na marxe dereita da estrada PO-300, nos Concellos de Ribadumia e Cambados.
A senda iníciase no Pq. 9+310 da PO-300, onde se atopa a primeira intersección de acceso ao polígono industrial do Salnés e desenvolverase pola marxe dereita da estrada ata conectar coas beirarrúas existentes en Sameiro (Pq. 10+270) e Vilariño. Esta infraestrutura permitirá completar un itinerario peonil continuo desde o polígono industrial do Salnés ata Cambados.
A sección tipo da senda contará con 3 metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de 0,5 metros, e os correspondentes bordos de separación.
A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.