publicidade hoxe

Música, artesanía e gastronomía dánse cita en Ribadavia no XI “Festival Arteficial”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaRibadavia
A-
A+
Presentación de "Arteficial"

Presentación de “Arteficial”

A XI edición do “Festival Arteficial” encherá de música, artesanía e gastronomía, o vindeiro día 2 de setembro, o conxunto histórico da vila de Ribadavia. A presentación desta celebración cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente e os membros da asociación Arteficial, Rafa Otero, Manuel Araujo e Nuria Álvarez.

A Deputación de Ourense colabora con este festival que “aglutina cultura e patrimonio nun mesmo evento, sendo de referencia no calendario festivo da nosa provincia” dixo Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o papel da cooperación público-privada, “que permite desenvolver este tipo de iniciativas que contribúen a dinamizar a comarca a través de propostas culturais da man dun grupo de mozos do Ribeiro co obxectivo de potenciar novas actividades e mesturar diversas formas de expresión cultural”

O festival, que chega a súa undécima edición, é entendido agora como “a romaría da música alternativa do barrio da Madalena”, sinalou o presidente da asociación Arteficial. O evento, que conta con 11 actuacións de música en directo, comezará ás 12.30 horas e desenvolverase ao longo de todo o día en diferentes espazos do conxunto histórico da vila de Ribadavia sendo o escenario principal o barrio da Madalena, explicou Rafa Otero.

Asemade, Rafa Otero destacou que este ano o festival comezará co Encontro de Asociación de Profesionais Galegos da Xestión Cultural que “nos convida a participar no seu banco de boas prácticas e innovación no eido da xestión cultural, que supón un recoñecemento que ven a paliar as dificultades coas que nos topamos como asociación”.

Outra das actividades que acolle esta celebración é o “Mercado das Sementes” onde estarán presentes “trece artesáns galegos de diferentes disciplinas artísticas: téxtil, bixutería, impresión 3D, entre outras”, explicou Nuria Álvarez, quen lembrou que a entrada ao festival é gratuíta pero que “a xente pode colaborar cunha entrada solidaria a favor de Cruz Vermella, que estará alí no Festival”. Tamén haberá un espazo dedicado á gastronomía con postos de comida tradicional e con “food trucks”.

Manuel Araujo dixo que esta celebración “trata de poñer en valor o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa cultura, traendo a bandas de gran recoñecemento a nivel nacional e internacional, o cal é posible grazas aos once anos de traballo e aprendizaxe”.

1 de setembro de 2017 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.