publicidade hoxe

Medio Rural destinará 400.000 euros á comarca de Ordes para mellorar diversas infraestruturas rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoimortoFradesLocal PortadaMesíaOrdesTordoiaTrazo
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión cos alcaldes da comarca de Ordes

Ángeles Vázquez na reunión cos alcaldes da comarca de Ordes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en San Caetano cos alcaldes dos concellos de Boimorto, Mesía, Ordes, Trazo, Tordoia e Frades para comunicarlles as obras que se van acometer nos seus municipios no marco do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2017. O orzamento previsto nesta comarca coruñesa é de 405.377,29 euros e destinarase ao arranxo de vías e pontes.

Ángeles Vázquez destacou a importancia destas obras, que contribúen ao desenvolvemento do rural galego e permiten facilitar as comunicacións dos veciños, así como dotar á poboación dos servizos básicos necesarios para contar cunha boa calidade de vida. Neste senso, a conselleira sinalou que o Plan de Infraestruturas Rurais atende precisamente a aquelas actuacións solicitadas polos propios concellos e que contribúen a un correcto desenvolvemento do agro.

Concretamente, vaise ampliar a ponte Boado sobre o río Tambre, no límite municipal entre os concellos de Mesía e Boimorto, cunha axuda de 143.816,53 euros. Desta forma pasará de 4 a 8 metros de ancho para que poidan pasar simultaneamente camións ou vehículos. Tamén se vai refacer a ponte sobre o río Maruzo, localizada no concello de Frades, cun orzamento de 80.715,11 euros.

Por outra banda, vaise acondicionar un camiño no concello de Ordes, concretamente o que leva a Lavandeira de Abaixo, por un montante de 60.455,84 euros. No concello de Trazo, a obra consistirá na mellora de acceso ao lugar de A Baixa eliminando as fochancas a través de tratamento asfáltico, para o que contará cunha achega de 59.949,35 euros. Finalmente, tamén se arranxarán dous camiños no concello de Tordoia, parroquia de Gorgullos, que supoñen un orzamento de 60.440,46 euros.

Deste xeito preténdese seguir contribuíndo a aumentar a calidade de vida dos veciños do rural ao facilitar a súa mobilidade. Para iso a Consellería do Medio Rural dispón non só do PIR, dotado con 4,2 millóns de euros, senón tamén do Plan marco de mellora de camiños municipais cun orzamento de 16 millóns de euros para dous anos, o que fai un investimento superior aos 20 millóns de euros en toda Galicia.

6 de setembro de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.