publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural avalía cos rexedores de Cenlle e Castrelo de Miño os danos polo pedrazo nos viñedos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de MiñoCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión cos alcaldes de Cenlle e Castrelo de Miño

Ángeles Vázquez na reunión cos alcaldes de Cenlle e Castrelo de Miño

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá cos alcaldes dos concellos ourensáns de Cenlle, Gabriel Alén, e de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, para avaliar os danos rexistrados en ambos municipios pola treboada de sarabia do pasado día 27 de agosto.

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira explicou aos rexedores os resultados dos informes preliminares elaborados por técnicos de Medio Rural sobre a afectación do pedrazo nos cultivos de viñedo. Os estudos constataron que este fenómeno meteorolóxico adverso causou a rotura de ramas e follas, así como danos na pel das uvas e a caída de acios, que poden repercutir nunha diminución da cantidade de froito recollido, así como na redución da súa calidade. Estes danos centráronse en ambos concellos, polo que a consellería está realizando os estudos pertinentes para determinar se procede solicitar a declaración de zona de emerxencia.

En todo caso, tamén se constatou que en explotacións pequenas ou que teñan bodega propia os danos poden reducirse cunha rápida recollida e estrullado da uva. Por iso, por parte dos técnicos aconséllase acelerar a vendima, co fin de minimizar as consecuencias deste episodio adverso. Neste senso, a conselleira coincidiu cos alcaldes en que a uva que non se viu afectada ten unha excepcional calidade.

Ángeles Vázquez informou aos rexedores de que está previsto que o Consello da Xunta aprobe en breve unha liña de financiamento para os agricultores afectados por fenómenos adversos, dotada con 1,5 millóns de euros para as anualidade 2017/2018. A titular de Medio Rural explicou tamén que a Xunta solicitaralle ao Goberno central a realización de desgravacións no IRPF para os agricultores damnificados. Así mesmo, avanzoulles que se lles dará prioridade a ambos concellos nos criterios de reparto das diferentes axudas da consellería.

Por outra banda, a conselleira incidiu na importancia dos seguros agrarios como fórmula para facer fronte a este tipo de situacións e lembrou que Medio Rural destina este ano 4,7 millóns de euros a financiar a contratación de pólizas.

1 de setembro de 2017 | 14:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.