Marisol Díaz Mouteira supervisa as obras de adaptación do CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro para acoller un novo ximnasio

Marisol Díaz na visita ao CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe as instalacións do CEIP Emilia Pardo Bazán de Leiro, nos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a realizar obras de mellora por valor de máis de 22.500 euros.
Durante o percorrido polo centro, a delegada territorial comprobou a evolución dos traballos de adaptación dun espazo como ximnasio que xa se cubrira o pasado ano e que consisten no illamento do espazo, a nivelación do chan cunha capa de formigón e a instalación dun. Ademais, realizarase a instalación eléctrica e colocaranse nove luminarias. Na visita, Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial de Cultura e Educación, Luz Fernández.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia explicou que estas actuacións execútanse ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) e dos recursos achegados polo Fondo do Superávit.
Así, Marisol Díaz lembrou que a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria destina este ano máis de 880.000 euros na mellora de máis de 60 centros educativos de Primaria e Secundaria da provincia ourensá.
Díaz Mouteira subliñou que as melloras que se están a realizar nos centros de ensino demostran o compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade escolar, dando resposta as súas necesidades en materia de mellora de infraestruturas educativas.
A maioría das reformas céntranse na reparación de cubertas e persianas, mellora de instalacións eléctricas e illamentos, substitución de caldeiras de calefacción e mellora de accesos peonís.
A gran parte destes traballos de mellora executáronse durante as vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que estiveran finalizadas o vindeiro 11 de setembro, cando inicie o novo curso escolar.











