publicidade hoxe

Igualdade informa ás entidades de iniciativa social da provincia da Coruña do Programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron hoxe unha xuntanza cos concellos e os Centros de Información á Muller (CIM) da provincia da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, ao que a Xunta de Galicia destina 807.000 euros, 352.000 neste ano 2017 e os 455.000 euros restantes en 2018. Esta convocatoria está financiada ao 80% polo Fondo Social Europeo (FSE).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2017 e 2018, axudas para as entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas coa finalidade de apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta, en moitas ocasións, a ruptura da situación de violencia.

O importe máximo de cada axuda será de 95.000 euros, cunha contía máxima subvencionable de 20.000 euros para o período comprendido entre o 1 de setembro e o 30 de novembro deste ano, e de 75.000 euros para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2017 e o 30 de xuño de 2018. As destinatarias son entidades sen ánimo de lucro que cumpran as condicións establecidas na normativa xeral de subvencións e que teñan o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma. As persoas destinatarias finais son as mulleres vítimas de violencia de xénero, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Susana López Abella lembrou que “Galicia foi a primeira comunidade do Estado en facer o ano pasado unha convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento do Programa de Inserción Laboral dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero”. Esta convocatoria, pioneira da Secretaría Xeral da Igualdade, fixo posible atender a 520 mulleres. Foron 16 as entidades beneficiarias deste programa.

Na provincia da Coruña, en concreto, o programa atendeu, na súa primeira convocatoria, a 207 participantes, “o maior número de todas as provincias”, segundo indicou López Abella, acadándose 33 insercións. A secretaria xeral de Igualdade sinalou que “poden parecer poucas, pero en realidade son moitas se temos en conta que falamos dun colectivo moi vulnerable”. Susana López Abella lembrou que o prazo desta convocatoria remata o vindeiro 18 de setembro.

O delegado territorial da Xunta agradeceu a asistencia a todos os presentes e animou a concellos e entidades a “non baixar a garda ante unha lacra social na que todos e todas temos que estar en permanente alerta e que require o máximo esforzo e sensibilidade das administracións”. Ovidio Rodeiro aproveitou para poñer a disposición de todas as persoas interesadas os recursos propios da Delegación Territorial para axudar cos trámites necesarios “para que esta liña de axudas chegue a todos os recunchos da provincia”.

7 de setembro de 2017 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.