publicidade hoxe

Convócase aos propietarios dos terreos onde se construirá unha senda peonil entre Ares e Mugardos para proceder ao pago dos depósitos previos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresLocal PortadaMugardos
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inicia o proceso de pagos previos dos terreos por onde se construirá unha senda peonil entre Ares e Mugardos, nun itinerario de 660 metros da marxe esquerda da estrada AC-130. Esta actuación suporá unha inversión de preto de 1,5 millóns de euros, cofinanciados con Fondos FEDER 14/20, e unha mellora da seguridade viaria e a calidade ambiental e de vida dos veciños da zona, sobre todo, dos escolares da zona.

O pago dos depósitos previos das fincas situadas no concello coruñés de Ares, levarase a cabo o vindeiro día 3 de outubro, e 5 de outubro o das pertencentes ao Concello de Mugardos. As obras iniciaranse os primeiros días de outubro.

Nesta actuación, que foi licitada o pasado 5 de maio e que ten un prazo de execución de oito meses, redefinirase a sección tipo existente, aumentando os anchos da calzada mediante a ampliación e redistribución da plataforma actual.

Ademais, inclúense as diversas accións co fin de mellorar a funcionalidade da estrada, entre elas, a mellora da intersección existente na AC-130 coa avenida do Mazote e a estrada DP-0402, na entrada da zona urbana de Ares, coa implantación dunha glorieta. Tamén está prevista a mellora da curva situada entre os quilómetros 2,6 e 2,8, aumentando o seu radio en planta.

Así mesmo, habilitarase dúas paradas de bus, unha no concello de Mugardos e outra no concello de Ares, e disporanse pasos peonís nas zonas de cruce da calzada situadas nas proximidades dos dous colexios, na avenida do Mazote e na zona de esparexemento de Fontelide, en Ares.

Proxéctase tamén unha pasarela de madeira para dar continuidade á senda sobre o Rego do Cacho. Os traballos complétanse coa obras de drenaxe, sinalización vertical e horizontal, reposición de varandas, proteccións peonís e balizamento.

Plan de sendas de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía.

O Plan de sendas de Galicia concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.

11 de setembro de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.