Axudas a concellos e entidades da provincia de Ourense por importe de 104.000 euros para cultura e infraestruturas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 104.000 euros en axudas para concellos e entidades da provincia de Ourense destinadas a temas de cultura e infraestruturas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 1 de setembro.

En concreto, no apartado de cooperación con entidades da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 2.000 euros para a Asociación Local de Pensionistas e Xubilados (UDP) da Rúa-Petín, destinada a gastos de funcionamento da entidade. E, para a Diócese de Ourense, aprobou unha axuda de 20.000 euros para o arranxo do tellado da Igrexa de San Fiz de Pazos, no termo municipal de Verín.

En materia de cooperación cos concellos, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Avión por importe de 60.000 euros para os gastos de mantemento da Escola Infantil Municipal. Para o Concello da Rúa aprobou unha axuda de 10.000 euros destinada ao ascensor no Centro de Saúde do municipio. E, por último, para o Concello de Vilar de Santos, aprobou unha axuda de 12.000 euros para os gastos de funcionamento e mantemento do Museo da Limia, correspondentes ao ano 2017.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de axudas a concellos para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao ano 2017. Na resolución concedeuse un total de 99.998 euros en 91 actividades culturais a desenvolver en diferentes municipios da provincia de Ourense.

1 de setembro de 2017 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.