publicidade hoxe

As obras de mellora da travesía de Vigo, en Redondela, rematarán o vindeiro verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras en Redondela

Ethel Vázquez na visita ás obras en Redondela

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe Redondela para supervisar as obras da avenida de Vigo, a travesía que une Chapela con Vigo na PO-323, que estarán rematadas o vindeiro verán, o que supón acurtar o prazo marcado inicialmente, previsto para o mes de novembro de 2018.

O Goberno galego aportará o 85 por cento do custe da actuación que rolda os 2,3 millóns de euros, mentres que a Administración local investirá 369.000 euros destinados ás melloras dos servizos de saneamento e pluviais. Con este investimento no Concello de Redondela, a Xunta busca mellorar o día a día dos veciños, favorecer os seus desprazamentos e reforzar a seguridade viaria.

Vázquez Mourelle destacou que as actuacións están xa moi avanzadas, a pesar da súa complexidade técnica, sobre todo, no que se refire ás beirarrúas, onde o grao de execución rolda o 40%, estando máis adiantadas as da marxe esquerda. Así mesmo, remarcou que trátase dunha obra moi demandada polo Concello de Redondela, xa que supón un importante beneficio para os veciños e para o comercio da zona.

O obxectivo máis destacado desta actuación, que ten unha lonxitude dun quilómetro, é facer a zona máis accesible e máis segura, para o que se actúa na intersección que leva a Pescanova, para facilitar a saída e entrada dos camións ás industrias da contorna en condicións máis seguras.

Tamén se está a reforzar a seguridade dos peóns e a súa mobilidade, coa renovación integral das beirarrúas, para facilitar o tránsito dos veciños e visitantes nesta zona tan concorrida na que, xunto co mercado e a alameda, se asentan gran número de establecementos comerciais.

Ethel Vázquez tamén explicou que se aproveitou para mellorar a totalidade dos servizos urbanos, atendendo á petición feita polo Concello e ao seu compromiso de financiar parte destes traballos. Trátase dun proxecto ambicioso que porá en valor toda esta zona, contribuíndo á súa revitalización e un maior dinamismo.

20 de setembro de 2017 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.