As obras de ampliación e mellora da estrada que vai de Ordes a Cerceda, por Mercurín estarán finalizadas na primavera de 2018
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde, José Luís Martínez, supervisou hoxe os traballos de ampliación e mellora desta estrada que vai a Cerceda, por Mercurín, que xa están executados ao 50 %, polo que a data de finalización poderá adiantarse á primavera de 2018.
Vázquez Mourelle explicou que esta actuación ambiciosa, cun investimento da Xunta que ascende a 2,3 millóns de euros, comezou a mediados de abril e está moi avanzada, posto que a plataforma xa está ampliada e estase a botar a capa de firme intermedia. Só resta acometer as melloras previstas nas interseccións, construír as cunetas de seguridade e estender a última capa de firme.
A titular de Infraestruturas indicou que o Goberno galego está a axilizar os traballos para que os veciños, os empregados que se desprazan cada día ata Sogama ou ata algunha das empresas do parque empresarial; e os turistas e as persoas que se achegan ata o parque acuático de Cerceda, se beneficien, canto antes, desta mellora, que lles permitirá realizar os seus desprazamentos en condicións máis cómodas e seguras.
Trátase dun proxecto clave para estes dous concellos, e tamén moi agardada polos seus veciños, dada a elevada intensidade de tráfico que rexistra esta vía: arredor de 2.500 vehículos ao día, moitos deles pesados, ao ser esta estrada un dos principais accesos para as empresas situadas no parque empresarial do Acevedo, en Cerceda, e para o vertedoiro de Sogama.
As obras que se están a realizar consisten na ampliación e no acondicionamento da estrada ao longo de 7 km, co obxectivo de acadar un ancho máis adaptado ás necesidades de mobilidade da zona. Ensánchase a calzada ata os 9 metros para ampliar os carrís e construír beiravías nas dúas marxes, ata agora inexistentes; renóvase o firme; e actúase sobre as principais interseccións, habilitando carrís de aceleración e desaceleración en determinados puntos para favorecer as incorporacións en condicións de maior seguridade e axilizar o tráfico. Tamén se construirán semiglorietas que faciliten os xiros e unha rotonda no acceso ás instalacións de Sogama para que os movementos se realicen coas máximas garantías de seguridade.
O Executivo autonómico xa contribuíu á mellora da rede viaria nesta zona a través doutras actuacións como a mellora do firme que se levou a cabo hai un ano en tres estradas autonómicas, ao seu paso polos municipios de Ordes e de Cerceda, ás que se destinaron máis de medio millón de euros.