publicidade hoxe

As escolas infantís na provincia de Ourense inician o curso con 855 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, acompañada da delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá as dependencias da escola infantil Antela con motivo do inicio do novo curso. As dúas representantes autonómicas fixeron un percorrido polas instalacións deste centro pertencente á Consellería de Política Social no que están matriculados 108 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

A directora xeral informou de que o número de menores admitidos nas escolas da rede Galiña Azul na provincia ourensá ascende a 855, sendo o total das prazas ofertadas de 1121 e a lista de agarda de 89 solicitudes, as cales se poderán acoller ás axudas que establece o bono concilia para o pago de praza na escola infantil que elixan e que non teña financiamento público. Asemade, indicou que se reservan 59 prazas para situacións de emerxencia e que o número de vacantes é de 204, a maioría das cales correspondentes con prazas non cubertas do grupo de idade de 0 a 1.

No conxunto de Galicia o número de menores admitidos nos centros da Galiña Azul ascende a 8023. Este curso 2017-2018 a Consellería de Política Social pon a disposición das familias 22.439 prazas sostidas con fondos públicos entre as que pertencen a centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais, as que dependen de centros de iniciativa social, as incluídas na rede de escolas municipais, as concertadas, as que se ofertan a través do Bono Concilia, as das casas niño e as que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades. Esta cifra global sitúa a cobertura en Galicia no 38%, cinco puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea.

Ao respecto das novidades deste novo curso escolar, salientar a apertura dos centros da Galiña Azul en Arteixo-Río Tambre e a de Burela-Os Castros. Outras melloras son que nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.

5 de setembro de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.