publicidade hoxe

As bicicletas encherán de novo as rúas ourensás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Presentación do "Día da Bici"

Presentación do “Día da Bici”

As bicicletas volverán a encher as rúas ourensás con motivo da celebración do 33º “Día da Bici”, unha das celebracións lúdico-deportivas de maior arraigo e participación popular que terá lugar o vindeiro domingo, 17 de setembro. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz; o representante do Grupo “La Región”, Carlos Barbosa; e o presidente da fundación Ado Moure, Carlos Moure.

“La Bici te da vida ¡úsala! é o lema desta proba deportiva de carácter non competitivo “de referencia, xunto coa San Martiño, na nosa provincia e que reúne a miles de ciclistas que celebran xuntos esta festa familiar”, sinalou Rosendo Fernández. “Esta manifestación lúdico-deportiva comezou a celebrarse no ano 1984 e este ano, chega a súa 33ª edición, o que a converte nunha das probas máis importantes do calendario deportivo da nosa provincia”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Carlos Moure agradeceu a colaboracións das diferentes institucións que fan posible que “a xente da bicicleta, ano tras ano, sobre todo os máis pequenos, esperen este día como un día de festa, ademais de reivindicar o uso da bicicleta e o respecto e a seguridade aos ciclistas”.

En canto á participación, “o ano pasado estimouse que houbo entre 7.000 e 8.000 persoas”, dixo o presidente da Fundación Ado Moure, quen explicou que os interesados en acceder ás bolsas de regalo e aos sorteos poderán inscribirse na carpa instalada na rúa do Paseo o una tenda Ciclos-Moure, pero pode participar todo o mundo sen necesidade de inscribirse. A saída da proba será as 12.00 horas desde a Alameda do Concello.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo destacou que esta tradicional celebración “fomenta o uso deste medio de transporte saudable e contribúe a dinamizar o entorno e dá a coñecer a nosa riqueza turística”. Nese mesmo senso, Mario Guede lembrou que este evento “abre a Semana Europea da Mobilidade e fai que a cidade sexa, durante un día, das bicicletas”.

Carlos Barbosa mostrou o apoio do Grupo “La Región” “coas diferentes iniciativas deportivas que se celebran en Ourense, como o “Día da Bici” e agradeceu á Fundación Ado Moure “que conte con nós para colaborar coas súas actividades”.

12 de setembro de 2017 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.