publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a relevancia das catro indicacións xeográficas protexidas de viño galego na visita ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ao centro de Guísamo. Foto: M. Fuentes

Ángeles Vázquez na visita ao centro de Guísamo. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, en Bergondo, que cedeu máis dunha tonelada de uva procedente das súas viñas á asociación de adegueiros de Betanzos para que a comercialicen baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Betanzos. Alí a conselleira resaltou a importancia desta e das outras tres IXP de viño galego que existen na nosa comunidade porque, aínda que con menor produción que as denominacións de orixe, teñen un peso relevante para as zonas nas que se asentan.

No caso concreto da IXP Betanzos, reúne máis dunha decena de viticultores e a seis industrias da contorna deste municipio coruñés. A ela súmanse as indicacións Barbanza e Iria, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo (a última en incorporarse). En conxunto, estas catro IXP aportan máis de 30 produtores e 21 industrias, cunha produción anual que supera os 25.000 litros de viño, sen contabilizar aínda a IXP do Morrazo, xa que a de 2017 será a súa primeira vendima como tal indicación xeográfica protexida.

A doazón formalizada hoxe en Guísamo por parte da consellería corresponde na súa inmensa maior parte á variedade branco lexítimo e decidiuse levar a cabo tras as dificultades sufridas por parte de viticultores desta zona de produción a causa das xeadas. Esta colleita supón practicamente o total da uva que se recolle anualmente nos terreos que xestiona a escola de Guísamo. O resto da vendima destinarase aos ensaios que se levan a cabo neste centro de investigación e formación, dependente da Consellería do Medio Rural.

IXP Betanzos

Os viños da IXP Betanzos, tamén coñecidos como Viño da Terra de Betanzos, elabóranse, segundo o seu prego de condicións, coas seguintes variedades: godello, albarín branco (branco lexítimo), chenín branco (agudelo) e palomino, nas variedades brancas. E mencía, brancellao, merenzao, gran negro e garnacha tintorera, no caso das castes tintas.

Co obxectivo de conseguir a mellor calidade final para estes viños baixo as condicións de luz e temperatura propias da área xeográfica na que se producen, figuran como variedades recomendadas as de godello, branco lexítimo e agudelo en brancas e mencía, brancellao e merenzao en tintas.

O prego de condicións tamén establece que a zona amparada por esta IXP está constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos termos municipais de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, así como das parroquias de Abegondo, Cabanas, Cerneda, Cos, Cullergondo, Leiro, Limiñón, Mabegondo, Meangos, Montouto, Presedo, Sarandóns, Vilacoba e Viós no termo municipal de Abegondo; das parroquias de Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Porzomillos, Reboredo, Salto e Vivente do concello de Oza dos Ríos e das parroquias de Osedo e Soñeiro do de Sada.

Centro de Guísamo

Aproveitando a entrega desta produción, Ángeles Vázquez visitou as instalacións do recinto de Guísamo. Trátase dun dos centros de formación e investigación da Consellería do Medio Rural que cobre as necesidades de profesionais, entidades, asociacións e poboación relacionada con actividades agrogandeiras e forestais. No ámbito da experimentación, está a traballar en diferentes variedades de vermús, sidra, mistela e licores e vai comezar cos escumosos, un traballo que salientou hoxe a conselleira durante a súa visita.

Entre a formación regrada que ofrece este centro atópase o ciclo de grao medio de xardinaría e floraría, con 56 alumnos, e o ciclo superior de paisaxismo e medio rural, con 41 estudantes máis que comezaron a semana pasada. A esta oferta súmase outra formación non regrada como cursos de fitosanitarios ou para a incorporación de mozos á empresa agraria. As instalacións, nas que traballan unha vintena de persoas, contan con laboratorio, biblioteca, aula de informática, parque de maquinaria, almacén con cámaras frigoríficas e unha finca de máis de 5 hectáreas.

20 de setembro de 2017 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.