publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a labor de restauración na aldea de Míllara, en Pantón, grazas ao mundo do viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPantón
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse hoxe ata o concello lugués de Pantón para supervisar os traballos da vendima na adega Míllara, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Alí destacou o “importante labor de restauración” feito nesta aldea abandonada pero situada nun lugar excepcional. “É a mostra da importancia que ten o mundo do viño na nosa Comunidade, que incluso chegou a recuperar todo un pobo da man desta adega”, sinalou Ángeles Vázquez, que agradeceu o traballo feito ao propietario da bodega, Fernando de Santiago.

Para a conselleira este sector é “crucial” para o agro galego, tanto para dinamizar a súa economía como pola capacidade de fixar poboación no rural. Lembrou, neste sentido, que só na Ribeira Sacra a pasada campaña producíronse 3,4 millóns de litros de viño cualificado, cun valor estimado que superou os 32 millóns de euros, o que se conseguiu con máis de cinco millóns de quilos de uvas recollidas. Este ano as previsións da vendima para esta zona son similares.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, salientou ademais que a calidade e a vinculación co territorio definen os viños galegos en xeral e moi especialmente os da Ribeira Sacra.

A conselleira indicou que nesta zona de produción traballan uns 2.400 viticultores, cunha superficie de viñedo que supera as 1.200 hectáreas e con máis de 90 adegas asentadas. Sinalou ademais que en determinadas zonas da Ribeira Sacra dáse un tipo de viticultura cualificada como “heroica” polas súas peculiares características de produción, con fortes pendentes e difícil acceso, algo que se pon de manifesto de maneira particular no momento da vendima, remarcou a conselleira.

Adega Míllara

A adega Míllara, que hoxe visitou a conselleira, é unha sociedade dedicada á elaboración e comercialización de viño que produce arredor de 16.000 litros anuais. Ten viñedos propios e conta con catro empregados fixos todo o ano e 25 a maiores en tempo de vendima.

A adega, cunha superficie de 700 metros cadrados, é unha construción de orixe medieval, en madeira de carballo e pedra provinte da zona. Os seus responsables adquiriron todas as edificacións da aldea na que se asenta e as restauraron por completo. Ademais, este ano, o seu mencía Lagariza foi recoñecido co Acio de ouro ao mellor viño tinto nas Catas de Galicia celebradas en xullo.

11 de setembro de 2017 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.