A Xunta renova a carpintaría exterior do CEIP de Reibón para mellorar a eficiencia enerxética
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destinará este ano máis de 9 millóns de euros a obras de mellora e ampliacións en 46 centros escolares da área territorial de Vigo, tal e como recordou hoxe o delegado do Goberno galego na cidade, Ignacio López-Chaves, con motivo dunha visita ao CEIP de Reibón no concello moañés. No caso concreto deste municipio a partida supera os 126.000 euros.
López-Chaves acudiu esta mañá ao devandito centro escolar para interesarse pola renovación da carpintaría exterior na fachada sur. Unha actuación coa que se busca mellorar a eficiencia enerxética das instalacións. Acompañado da alcaldesa desta localidade pontevedresa e o xefe territorial da Consellería de Educación, o delegado territorial da Xunta puido comprobar o estado actual das fiestras.
A carpintaría exterior do centro é a orixinal, de aluminio anodizado e cristal sinxelo, materiais que provocan a entrada de aire desde o exterior e auga en días tormentosos elevando, en consecuencia, considerablemente o gasto de calefacción.
Segundo explicou o delegado, nesta fase acometerase o cambio da metade das ventás da fachada sur, por ser está a máis exposta ás inclemencias meteorolóxicas. Esta actuación conta cun orzamento de 60.394,68 euros e un prazo de execución de dous meses, de modo que se estima a finalización das obras para o vindeiro mes de novembro.