A Xunta investirá 1,4 millóns de euros en melloras nos centros escolares da Coruña e a súa comarca
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no acto de apertura escolar que tivo lugar no Centro de Educación infantil e primaria (CEIP) San Francisco Javier da Coruña, no que estivo acompañado polo xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa da provincia, o director do centro, os 32 mestres do claustro e o resto de persoal, ademais dos arredor de 500 alumnos que cursan alí os seus estudos, repartidos en seis aulas de infantil e 13 de primaria.
Na provincia da Coruña o comezo do curso desenrolouse con total normalidade e sen incidencias. Onte iniciaron as clases 43.130 alumnos nos 258 centros públicos, 15.023 en concertados e 1.312 en privados non concertados. Na cidade da Coruña os centros acolleron a 9.934 alumnos en prazas públicas, 9.023 en concertadas e 933 en centros privados. En Santiago, 4.831 en centros públicos, 3.790 en concertados e 892 en privados non concertados. En Ferrol, pola súa banda, foron 2.226 no ensino público e 2.925 no concertado.
Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para dar a coñecer o plan de investimentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para este curso, e que vai a supor para os centros escolares da provincia da Coruña preto de cinco millóns de euros repartidos en 251 intervencións, sobre un total na comunidade de 28,7 millóns de euros para 617 actuacións.
As partidas destinadas a estas obras teñen como orixe tres fondos; os orzamentos que a Consellería destina cada ano á partida de reforma, ampliación e mellora (RAM); o cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e a partida que o Goberno Central asignou a Galicia a través da Lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social. A isto súmanse os orzamentos que o departamento educativo da Xunta de Galicia xa tiña previstos para dar continuidade a outras 8 grandes actuacións –como a construción dun novo CEIP en Culleredo– cuxa tramitación se iniciou en 2016 e está actualmente en execución.
Máis polo miúdo, o delegado territorial sinalou que entre os concellos que compoñen a área de influencia da Coruña está previsto investir 1.395.000 euros en 42 intervencións de todo tipo. Entre elas, Rodeiro destacou os preto de 484.000 euros na rehabilitación integral (enerxética e funcional) e outras reparacións en cuberta e falsos teitos do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos ou os 140.000 euros que recibirá o IES Monte das Moas da Coruña para a reparación da cuberta e outros arranxos. Ate un total de 22 obras das programadas nesta comarca superan os 10.000 euros.
Ovidio Rodeiro destacou “o importante esforzo económico realizado para desenvolver estas obras é froito do compromiso da Xunta de Galicia co confort e benestar da comunidade educativa galega”, renovando progresivamente as instalacións educativas existentes. “Estase a dar resposta ás necesidades de incremento de prazas de escolarización nos municipios con máis demanda a través de obras de ampliación e mesmo da construción de novos centros”, sinalou o delegado.
O CEIP San Francisco Javier da Coruña constitúe unha comunidade educativa con moita participación en programas e proxectos no ámbito institucional, con ONG representativas, en proxectos multidisciplinares e de xustiza social, e mesmo e proxectos interxeneracionais. É, así mesmo, sede da Asociación de Directores de centros públicos de infantil e primaria da cidade de A Coruña. Nos últimos cursos a Consellería vén de realizar diversas intervencións en melloras e eficiencia enerxética, colocación de zonas de tarima nas aulas de Educación Infantil, divisións de espazos para mellora da intervención educativa e administrativa, melloras na biblioteca escolar, nas aulas de educación de alumnado con necesidades especiais, no comedor escolar e nas instalacións de rede e dotación de aulas dixitais. Tamén se levou a cabo un importante esforzo nas dotacións de equipamento deportivo no patio.
Ovidio Rodeiro rematou a súa visita cun emocionado recordo para “alguén que hoxe tiña que estar aquí con nós, ilusionado polo comezo dun novo curso, e desgraciadamente non nos pode acompañar. Un abrazo a todos os que mantendes acendida a súa chama na memoria, e en espacial á súa familia”. O delegado sinalou que “é aquí, nas aulas don nosos colexios, onde temos a obriga de traballar arreo para acabar ca lacra que todas as violencias supoñen para a nosa sociedade”.