publicidade hoxe

A Xunta financia con 35.900 euros a execución de proxectos que promoven tres colectivos cidadáns de Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia financia con preto de 35.900 euros tres proxectos de mellora de infraestruturas que promoven outros tantos colectivos cidadáns do Concello de Cervo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os colectivos beneficiarios son as asociacións de veciños de San Román de Vilaestrofe e da rúa Candelaria e a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras.

Estas axudas forman parte dun plan específico de acción comunitaria posto en marcha pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

O obxectivo destes investimentos e facilitar que os colectivos veciñais poidan executar proxectos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de auga veciñais.

Deste xeito, a Asociación de Veciños da rúa Candelaria recibe 11.940 euros para o acondicionamento do camiño dos Puxigos, na parroquia de Rúa. E á asociación de San Román de Vilaestrofe destínanse 11.965 euros que servirán para o asfaltado dos camiños de Chousas do Agro e do Muíño.

Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras obtén 11.983 euros para asfaltar o camiño Souto do Rego, na parroquia de San Román.

Balseiro destacou que a axuda económica concedida “acada a totalidade do investimento realizado” e celebrou que “a cooperación entre a iniciativa social e a Administración autonómica redunde en medidas que contribúen a mellorar a calidade da vida local”.

No mesmo sentido, engadiu que estas axudas contribúen a “fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social do seu entorno, que grazas a este programa pode impulsar melloras en infraestruturas de uso público para beneficio de todos os veciños e veciñas”.

14 de setembro de 2017 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.