publicidade hoxe

A Xunta favorece a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social en Begonte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLocal Portada
A-
A+

O equipo comarcal de Inclusión Sociolaboral de Begonte (Lugo) do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social, xestionou coa compañía “Panadería Manso” a realización de prácticas formativas non laborais en empresas para participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que co-financian a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Así as cousas e en virtude do convenio asinado entre o Consorcio e a empresa “Panadería Manso” está a permitir que un participante do equipo comarcal de Inclusión de Begonte estea realizando esas prácticas como axudante de pastelería dende o pasado 7 de setembro, cun período total que rematará o próximo 5 de outubro. Un número que podería ir incrementándose nas próximas semanas.

Este tipo de actuacións teñen como finalidade que as persoas poidan adquirir unha serie de coñecementos prácticos no desenvolvemento dunha ocupación, demostren as súas actitudes e aptitudes cara ao emprego e incorporen ao seu currículo unha experiencia que mellore as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

Os equipos comarcais de Inclusión Sociolaboral do Consorcio -18 en total, máis un, no centro penitenciario de Teixeiro- operan no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que ofrece ás persoas en situación ou risco de exclusión un conxunto de actuacións e intervencións no ámbito das competencias socio-laborais, deseñando itinerarios personalizados para lograr a inserción, logo de analizar as circunstancias de cada usuario, pero sempre dende unha visión multidisciplinar e coordinada cos servizos sociais dos concellos.

14 de setembro de 2017 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.