A Xunta está a rematar as obras de reparación da estrada LU-146 ao seu paso polo barrio de Ver, no municipio de Bóveda
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a rematar as obras de reparación da estrada LU-146 ao seu paso polo barrio de Ver, no concello de Bóveda.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se trata dunha obra moi demandada polos veciños do barrio, dado que é a arteria que os comunica coa capitalidade do municipio.
A consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, inviste 22.000 euros nestes traballos que se enmarcan no plan de conservación das estradas que conforman a rede autonómica na provincia.
As obras consisten na rexeneración do pavimento e afectan a 1 quilómetro de vía, estando previsto que finalicen esta mesma semana.
Balseiro subliñou que o Goberno galego continúa a traballar no obxectivo de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.