A Rede de escolas infantís da provincia de Pontevedra inicia o curso con máis de 2800 menores de 0 a 3 anos admitidos
A Xunta de Galicia iniciou na xornada de hoxe o curso nas escolas infantís de 0 a 3 anos da ‘Galiña Azul’ da provincia de Pontevedra cun total de 2889 admitidos. Con motivo deste primeiro día de clases, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou esta mañá as instalacións da escola infantil de Monteporreiro, acompañado do delegado territorial José Manuel Cores Tourís.
Os dous dirixentes autonómicos realizaron un percorrido por este centro pertencente á Consellería de Política Social e no que están matriculados 53 menores do total de 61 prazas que oferta. Cómpre indicar que destas prazas, 4 están reservadas para emerxencias e 19 quedaron vacantes.
En canto á lista de agarda no conxunto da provincia, esta ascende a 551 solicitudes que se poden acoller ao programa do bono concilia e recibir unha axuda, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago da praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración.
Cómpre salientar que a oferta de prazas para toda Pontevedra é de 3354, entre as que hai reservadas 181 prazas para emerxencias e outras 17 para nenos e nenas con necesidades especiais. Así mesmo, o número de vacantes ascende a 287, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertos do grupo de idade de 0 a 1. No conxunto de Galicia o número de menores admitidos nos centros da ‘Galiña Azul’ ascende a 8023.
Este curso 2017-2018 a Consellería de Política Social pon a disposición das familias 22.439 prazas sostidas con fondos públicos entre as que entre as que pertencen a centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais, as que dependen de centros de iniciativa social, as incluídas na rede de escolas municipais, as concertadas, as que se ofertan a través do Bono Concilia, as das casas niño e as que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades.
Esta cifra global sitúa a cobertura en Galicia no 38%, cinco puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea. Ao respecto das novidades deste novo curso escolar, salientar a apertura dos centros da ‘Galiña Azul’ en Arteixo-Río Tambre e a de Burela-Os Castros.
Outras melloras son que nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.











