A Deputación de Ourense destina máis de 200.000 euros para cooperación con concellos e entidades
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 221.510 euros en axudas para cooperar con concellos e entidades con axudas destinadas a temas de Cultura, Infraestruturas, Medio Ambiente e Servizos Sociais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 8 de setembro.
En concreto, aprobouse unha axuda de 15.000 euros ao Concello de Cenlle para o saneamento do núcleo de Casar e consolidación de muro na Lama, da parroquia de Vilar de Rei. Para o Concello da Mezquita, A Xunta de Goberno aprobou dúas axudas, unha delas por importe de 25.000 euros para a primeira fase das obras de adaptación do local destinado á posta en marcha do Punto de Atención á Infancia, e outra, de 7.500 euros, destinada á iluminación pública en vivendas da estación de Vilavella. Para o Concello da Veiga, aprobou unha axuda de 20.000 euros para actividades deportivas. Asemade, aprobouse unha axuda para a Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño por importe de 50.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017 e tamén se aprobou o pago anticipado de 2.500 euros ao Concello de Monterrei para o arranxo do almacén incendiado en Flariz.
No relativa á cooperación con entidades, na xuntanza aprobouse unha axuda de 23.000 euros para a celebración da Festa da Istoria correspondente ao ano 2017 e, continuando no apartado cultural, aprobouse unha axuda para Víctor Prieto, por importe de 21.010 euros para o concerto presentación no auditorio Synphony Space de New York e II Internacional Accordion Masterclass en Toén. Para a Asociación Provincial de Empresarios da Construción e Obras Públicas, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 60.000 euros para o desenvolvemento dunha base de datos xeorenferenciada do parque de vivendas da provincia de Ourense. “Trátase dunha base de datos que permitirá obter información sobre o número de vivendas, a súa ubicación, as características físicas e enerxéticas dos edificios, o estado dos mesmos e os custes de rehabilitación”, explicou Montserrat Lama.