A Deputación de Ourense destaca o traballo e a implicación da UNED nos seus 25 anos de labor docente na provincia
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao director e ao secretario do centro asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Ourense, Jesús de Juana e Julio Prada, con que analizou as iniciativas que desenvolverán este vindeiro curso, coincidindo co cuarto de século de presenza na provincia de Ourense. Como presidente do goberno provincia e do padroado da UNED en Ourense, Manuel Baltar, destacou “o traballo e a implicación da UNED nos 25 anos de labor docente en Ourense”, e remarcou que a institución provincial “seguirá colaborando con esta institución académica para seguir potenciando a calidade formativa universitaria que ofrece ao seu alumnado”.
Anualmente, a Deputación de Ourense asina un convenio de colaboración coa UNED en Ourense para cooperar na xestión e no desenvolvemento de actividades desta entidade nos ámbitos da formación universitaria en ciencias e humanidades. Un compromiso que, segundo Manuel Baltar, “mantemos ano tras ano para seguir fortalecendo, ampliando e especializando a oferta educativa na provincia de Ourense”.