publicidade hoxe

A Deputación da Coruña e Xerais presentan “Luns”, obra gañadora do Torrente Ballester en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A área de Cultura da Deputación da Coruña e a editorial Xerais organizan este mércores na Coruña a primeira presentación de Luns, de Eli Ríos, a obra gañadora do do primeiro Premio Torrente Ballester convocado só para obras en galego. A presentación terá lugar na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rego de Auga) o mércores día 13 de setembro ás 19.30 horas coa presenza da vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o director da editorial Xerais, Manuel Bragado e a propia autora.

Luns, de Eli Ríos, é o título da novela gañadora do Premio Torrente Ballester da área de Cultura da Deputación da Coruña na primeira edición en que se convocou unha modalidade exclusiva para a literatura en galego.

O xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, Mercedes Queixas Zas, Eva Moreda, Ledicia Costas e Mario Regueira con Mercedes Fernández-Albalat de secretaria e Goretti Sanmartín de presidenta destacara no seu fallo que a novela está construída arredor dunha protagonista que é unha “personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática”.

Valorou na obra de Eli Ríos a súa “capacidade de reflexionar sobre as duras circunstancias que acontecen na súa vida, cunha perspectiva de xénero, tecnicamente innovadora, exposta nunha corrente de consciencia que conmove o público lector”.

A novela impúxose sobre as dezaoito obras finalistas, das 101 presentadas ao certame, unha cifra que duplica o ano que máis novelas en galego se presentaran ao Torrente Ballester, ao que, até agora, podían concorrer conxuntamente obras en galego e español. A edición de 2009 fora na que, con 47 orixinais, concorreran máis novelas en galego, con menos da metade das que competían nesta nova concovatoria. Na edición do ano anterior, foran 29 das obras presentadas.O Torrente Ballester con 25.000 € de premio para a obra gañadora é o de maior contía económica dos convocados para a literatura galega.

A gañadora Eli Ríos é autora, entre outras, de obras como nós escoitando o badalo de marienplatz (XII Premio de poesía Concello de Carral), rúa da cancela (IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas, 2009), María (I Premio Figurante, 2013), amamnese (II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, 2014), Doe tanto a túa ausencia (XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, 2014), Diario de fotogramas (I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes), Bicha (XII Premio Pura e Dora Vázquez de narración), Marta e a píntega ou Mulleres bravas na nosa historia: Mª Victoria Moreno (2016). Colabora tamén no proxecto de crítica literaria feminista “A Sega”. Luns é a súa primeira novela de narrativa para público adulto.

11 de setembro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.