publicidade hoxe

A Deputación da Coruña adhírese á campaña “En negro contra a violencia machista”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña adhírese este ano á campaña En negro, unha iniciativa para denunciar a violencia machista. A responsábel da área de Igualdade, Ánxela Franco, confirmou o apoio aos concellos no desenvolvemento da campaña.

Representantes de concellos da Coruña participaron esta mañá nunha xuntanza convocada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña para avanzar na coordinación da campaña En negro que denuncia a violencia machista.

A deputada Ánxela Franco confirmou na xuntanza que se desenvolveu esta mañá o apoio aos concellos que participan na campaña co fin de incrementar a súa presenza en distintos ámbitos sociais. Vinte e cinco concellos da provincia, o que supón a metade dos participantes en total, incorpóranse á campaña En negro que se difunde en espazos públicos e, de maneira especial, no sector do comercio. “A campaña demostrou que é unha forma impactante de concienciar a sociedade contra a violencia de xénero e, por iso, a Deputación da Coruña quere participar e mesmo apoiar os concellos para que a imaxe negra de denuncia se expanda”. Neste sentido, a deputada comprometeuse a estudar distintas fórmulas de colaboración cos concellos para ampliar a campaña. “Como noutros programas de acción que estamos a desenvolver desde a Deputación na loita contra a violencia machista defendemos a colaboración institucional nun tema que ten que ser prioridade absoluta nas axendas políticas”, comentou Ánxela Franco.

Na xuntanza, ademais da deputada de Igualdade, Ánxela Franco, participaron a alcaldesa de Muros, Mª Xosé Afonso, a concelleira de Santiago, Marta Lois ou a deseñadora da campaña, Uqui Permui.

5 de setembro de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.