publicidade hoxe

A Consellería do Mar acomete a limpeza de varias dársenas da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaBueuO GrovePontevedraRedondelaVilanova de Arousa
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo a limpeza das dársenas dos portos de Vilanova de Arousa, Meloxo (O Grove), Bueu, Cesantes (Redondela) e Baiona. Esta actuación enmárcase na cuarta fase do plan de limpezas que o ente público puxo en marcha no ano 2013 por primeira vez e que retoma de novo este ano con diversas accións ao longo das vindeiras semanas.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentou esta mañá na sede do organismo en Pontevedra, esta nova edición do programa de limpeza que se desenvolverá en diversos puntos do litoral galego. Durán Hermida destacou que “a experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar”.

Así mesmo, engadiu que Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encargará da limpeza nas dársenas de Pontevedra está formado por 5 mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con grúa. Ademais, a empresa estará coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva.

Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e ata elementos de tipo doméstico. Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.

4 de setembro de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.