A Consellería de Medio Ambiente conclúe o trámite ambiental do Plan especial de ordenación da zona portuaria de Cambados
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dá por finalizado o trámite ambiental do Plan especial de ordenación do Porto San Tomé-Tragove, de Cambados, tras descartar efectos significativos sobre o entorno no desenvolvemento do futuro plan. Deste xeito, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático valorou as medidas recollidas na planificación para a protección e preservación do patrimonio cultural e paisaxístico e destacou a reordenación dos distintos tipos de tráficos para favorecer a mobilidade sostible.
Cómpre salientar que o espazo obxecto desta ordenación comprende a zona portuaria da vila, onde se poden diferenciar dúas áreas: San Tomé ao sur e Tragove ao norte. A primeira constitúe a fronte marítima de boa parte do conxunto histórico de Cambados e nela insírese o porto orixinario e o núcleo tradicionalmente mariñeiro de San Tomé, que conta, ademais, cun peirao destinado ás infraestruturas básicas do porto e usos pesqueiros. Neste ámbito emprázanse, tamén, varias zonas verdes e equipamentos, entre eles, a estación autobuses, a praza de abastos, centro de saúde, Museo de Peña e Alameda de San Tomé. Pola contra, a área de Tragove é unha zona máis industrializada, pois nela se desenvolve o groso da actividade portuaria e pesqueira.
Trátase, en definitiva, dun espazo cun elevado grao de consolidación rodeado, na súa contorna, de elementos do patrimonio cultural de relevante valor histórico, artístico, arqueolóxico, arquitectónico, paisaxístico e etnográfico, que fan necesaria a súa protección e conservación. Neste senso, o plan proposto establece as medidas e modificacións necesarias para reducir os efectos dos volumes de posibles edificacións na relación creada entre o conxunto histórico de Cambados co mar.
Do mesmo xeito, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera acertada a previsión de reordenación dos distintos tipos de tráficos (rodados, ciclista, peonil) , así como a delimitación das áreas de estacionamento, por canto contribúen á mobilidade desde un punto de vista sostible e responsable.
Por último, cómpre sinalar que a finalización do trámite ambiental que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) permitirá ao Concello someter o proxecto a consulta pública e avanzar na tramitación urbanística do plan.