publicidade hoxe

A 17ª edición de Termatalia celebrarase en Expourense os días 21 e 22 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Presentación de Termatalia

Presentación de Termatalia

O recinto feiral de Expourense acollerá durante dous días, 21 e 22 de setembro, a 17ª edición de Termatalia, a feira internacional de turismo termal, saúde e benestar. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación deste certame que contará coa presenza dun total de 260 expositores pertencentes a 40 países.

Díaz Mouteira indicou que a Administración autonómica, consciente da “abundancia, calidade e singularidade, e tamén polo potencial desestacionalizador” das nosas augas termais impulsou accións e programas específicos encamiñados a aproveitar este sector como elemento de desenvolvemento económico e tamén turístico da nosa Comunidade. Neste senso, a delegada territorial referiuse á posta en marcha do Plan termal, ao Plan de turismo de saúde ou á Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para acompañar o crecemento responsable de visitantes e que inclúe o termalismo como elemento diferenciador que supón unha vantaxe competitiva para a nosa Comunidade.

Marisol Díaz subliñou que Termatalia 2017 ofrece a oportunidade de amosar a variada oferta de Galicia ao exterior e ensinar a nosa infraestrutura moderna e diversificada de establecementos balnearios e talasos que xa constitúe o 20% da oferta termal de todo o Estado. Así, apuntou que este certame facilitará a promoción e difusión do noso gran potencial co fin de captar novos públicos e segmentos de mercado.

Con México como país invitado desta edición, están representados 40 países procedentes de Europa, América, África e Asia. Os expositores reflicten a cadea de valor de todos os axentes que interveñen no desenvolvemento da industria termal, desde a captación do recurso da auga ata a comercialización do destino turístico, pasando polo deseño, construción e xestión de centros termais.

Coincidindo coa celebración de Termatalia, Expourense acollerá outras actividades como o V Encontro de Políticas Públicas sobre Termalismo, a exposición de Proxectos de Inversión con axencias de viaxes de España e Portugal ou a 12ª edición do Encontro Internacional sobre Auga e Saúde, un dos foros máis importantes sobre turismo de saúde e que conta coa participación de máis de 50 expertos.

18 de setembro de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.